O goberno Puga remata o mandato como empezou: nada lle incumbe, nada fai (salvo o que mande o Mouriño)

Pleno CELANOVA 28.03.23
Pleno do martes 28 de marzo de 2023.
O último pleno do mandato certificou a deriva do goberno CD+PSOE, que comezou con promesas de cambio na política local e acabou por se converter nunha versión B do caciquismo máis rancio co exalcalde Mouriño manexando os fíos.
O goberno Puga remata o mandato como empezou: nada lle incumbe, nada fai (salvo o que mande o Mouriño)

O alcalde rematou como empezou: non cumpre acordos, non lle incumbe nada, nada é responsabilidade súa. Durante o mandato, traizoou o acordo firmado co BNG e nin sequera foi quen de lle dar publicidade aos plenos a través da retransmisión por Internet, tecnicamente posíbel e gratis. Simplemente, non lle deu a gana.

 

PROTECCIÓN DO PATRIMONIO. Como non lle deu a gana de cumprir a maioría dos acordos plenarios impulsados polo BNG. O último, a protección da pintada Adiante na fachada do Mosteiro, e a propia fachada do Mosteiro, monumento BIC.

No pleno do 30 de novembro, o pleno acordou demandar do goberno municipal medidas de protección. Mesmo os concelleiros socialistas votaron a favor (o alcalde e os seus abstivéronse, como o PP). O acordo foi tomado, e 4 meses despois, o concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez, preguntou na sesión deste martes polas medidas.

“De momento, ningunha”, foi toda a resposta do rexedor. Un incompetente. Catro meses, e toda a xustificación que dá é “que se están estudando posibilidades de protección da totalidade do Mosteiro”. É dicir, non sabe como protexer unha parede, mentres “estuda” protexer o conxunto.

“De momento, ningunha”, foi toda a resposta do rexedor. Un incompetente. Catro meses, e toda a xustificación que dá é “que se están estudando posibilidades..."

 

VERTIDOS. Tampouco fixo nada nin nada fará sobre a inquedanza que lle trasladou unha veciña de Freixo polos problemas nas augas que parecen estar causando vertidos de xurros en fincas da parroquia. Dixo que a veciña non tiña “reclamado polas canles” que correspondía. Non vai con el. Como ningún dos asuntos que lle preocupan á veciñanza.

 

CÁMARAS NA VILA. Tampouco foi capaz de explicar a que veñen esas cámaras instaladas nas entradas da vila. Deu unha explicación vaga: dixo que se trata “dun estudo da Deputación sobre o turismo”, e que “simplemente o que captan son as matrículas dos vehículos, pero que nin sequera captan as propias matrículas, senón que o fan a través dun sistema de códigos para saber cantos vehículos para saber se son vehículos da zona ou vehículos que pasan con menor asiduidade”. 

O BNG pensa que a explicación debería ter sido máis precisa e, sobre todo, ofrecida antes da instalación das cámaras. En calquera caso, as nacionalistas solicitarán por escrito a metodoloxía do “estudo” e coñecer os resultados.

 

AS CADEIRAS DO REFECTORIO. Sobre a eliminación das cadeiras do Refectorio, o alcalde dixo que se debeu “ao deterioro” das mesmas, certificado por “un informe dun técnico municipal”, e que se contactou “cun xestor” para o seu reciclado. Dixo que o deterioro obedeceu “a humidade no sitio no que estaban almacenadas e aos excrementos de pombas e morcegos”. É dicir, abandonaron o material cando se reciclou temporalmente o espazo. E, ao rematar o curso pasado, xa estaba perdido (segundo ese informe).

É dicir, abandonaron o material cando se reciclou temporalmente o espazo. E, ao rematar o curso pasado, xa estaba perdido (segundo ese informe).

 

 

ANTENA DO MACROEÓLICO. O alcalde non soubo explicar se a antena de prospección instalada pola empresa que pretendía chantar un macropolígono eólico no Monte da Neve está en territorio de Celanova ou no de Verea e tampouco, se vai pedir a súa retirada (e a restauración do lugar, tal como esixe a lei e demandou onte o BNG) unha vez que o proxecto foi declarado inviábel pola Administración galega. 

 

IGUALDADE E INVESTIMENTO EN SAÚDE. No pleno aprobáronse dúas mocións presentadas polo BNG, unha sobre accións en prol da igualdade para que se emprendan accións todo o ano e non só cando se achega a data do 8M saíu adiante por unanimidade. A outra, para que o goberno local demande da Xunta o incremento do investimento en Atención Primaria até chegar ao 25% que recomenda a OMS, saíu adiante malia a oposición do PP.

 

SEGURIDADE PEONIL NOS ACCESOS AO CEMITERIO E NAS RÚAS DE MOURILLÓS E DA ARMADA, E FONTE NA SAN TORCUATO. Leopoldo Rodríguez, o concelleiro do BNG, tamén expuxo dous rogos para que se dea por informado e os atenda o goberno municipal. Un, a respecto da seguridade para os peóns, demandando medidas de calmado do tráfico na estrada de Bande no acceso ao cemiterio, na rúa de Mourillós e na rúa Nosa Señora da Armada. Outro, sobre a posibilidade de instalar unha fonte pública que demandan veciñas da urbanización San Torcuato.

 

Así remataron as sesións ordinarias do mandato do goberno de coalición CD+PSOE.
 

O goberno Puga remata o mandato como empezou: nada lle incumbe, nada fai (salvo o que mande o Mouriño)