PRODUTOS E MERCADOS DE PROXIMIDADE

“É necesario que os mercados de proximidade funcionen e nos nutramos do que producimos”

Mini 1
Acto en Celanova o sábado 15 de abril.
Xosé Luís Rivas ‘Mini’, deputado do BNG, participa nun acto en Celanova con produtores locais na procura de iniciativas para revitalizar os mercados de proximidade.
“É necesario que os mercados de proximidade funcionen e nos nutramos do que producimos”

“É necesario que os mercados de proximidade funcionen, que nos nutramos nas aldeas, nas vilas e nas cidades de produtos que producimos aquí, para termos unha mínima soberanía alimentaria”, dixo Xosé Luís Rivas ‘Mini’ diante da Praza de Abastos, edificio emblemático dos anos trinta que o BNG pretende revitalizar e converter no eixo dun novo modelo de feiras e comercio local, no camiño do quilómetro cero, para devolver vida ao rural e asentar poboación que quere traballar e vivir nesta comarca.

 

Falou Xosé Luís Rivas xunto a Xan Carlos Grande, produtor local orientado á sustentabilidade, e que acompañará Vanessa García na candidatura do BNG na Bola nas municipais do mes que vén. Falou xunto a Fernando Conde, produtor local e candidato do BNG na Merca, quen animou ás asistentes a se “xuntar, coñecernos, saber que podemos ofertar e cooperar para facernos visíbeis e facer visíbeis os nosos produtos”. 

 

“Todo está por crear nesta comarca”, subliñou Fernando. “É preciso facer pedagoxía co consumidor, que a xente entenda a importancia de consumir local, consumir verde, ecolóxico ou sustentábel. E como nós, os produtores, podemos facer marca para nos posicionar nos mercados”.

WhatsApp Image 2023-04-15 at 15.07.31 (1)
Presentación de Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG en Celanova.

Diante duns corenta asistentes, nunha mañá de moito sol, ‘Mini’ Rivas lembrou a etapa do equipo de Suárez Canal á fronte das políticas de medio rural da Galiza como unha etapa luminosa e exemplar. E deixou unha mensaxe para a esperanza e o traballo. “Non hai nada perdido. Está todo por facer. O país está aí. E como din Xan e Fernando, temos que entender a importancia, mesmo para loitas globais como a loita contra o cambio climático, da produción e consumo de proximidade. Ademais, porque lles podemos poñer caras a eses produtos, ver como e onde se elabora, saber quen os traballa. Somos nós, son Fernando e Xan”, afirmou o deputado do BNG no Parlamento galego.

 

O BNG recollerá nos programas electorais das localidades de cara ás próximas municipais algunhas das ideas e propostas que se puxeron sobre a mesa e continuará mantendo encontros con produtores e comercializadores para animar un traballo continuado e conxunto.

 

O sábado 22 de abril, no salón de actos do Refectorio do Mosteiro de Celanova, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, presentará as 7 candidaturas do BNG na comarca de Terra de Celanova. Será ás 7 da tarde.

Convite ANA PONTÓN
ANA PONTÓN, o sábado 22 de abril en CELANOVA
“É necesario que os mercados de proximidade funcionen e nos nutramos do que producimos”