2 semanas sen enfermeira; 1 semana sen información ás familias; e, canto tempo máis sen test?
“Canto tempo leva establecer un sistema de información estábel e diario coas familias dos 33 trasladados a Baños de Molgas? Teñen tempo para realizar enquisas de ocio entre os anciáns, pero non para comunicarse coas familias e explicarlles cal é o estado de cada un e o estado que están a dispensar? Acaso nós queren facer crer que os levaron a un dos balnearios pasar uns días, e que obviemos a realidade: son enfermas e enfermos de covid19 e pertencen ao principal grupo de risco?”, preguntouse Leopoldo Rodríguez este xoves nunha declaración pública do BNG de Celanova, que leva insistindo desde o domingo pasado que as Administracións públicas, tanto a Xunta como o Concello, deben atender ás familias –a día de onte, tras 3 falecementos polo brote e dez días despois dos primeiros traslados e seis desde os últimos, as familias seguían sen canle de comunicación oficial– sen perder de vista que a crise non rematou.
O BNG de Celanova insiste en que esta desatención por parte das institucións contravén a recomendación do Comité de Bioética de Galiza, que a semana pasada emitiu un informe no que consellaba “manter unha canle de información permanente e fluída coa cidadanía, no aspecto sanitario, ético e humanitario” e “dar a coñecer que aínda no caso de ser preciso acometer unha adecuación da intensidade asistencial por escaseza de recurso, nunca se produce un abandono do paciente”.
Neste sentido o BNG de Celanova pregúntase cal é a función do centro intermedio de Baños de Molgas en canto a curación dos anciáns como pacientes de covid19 dun dos principais grupos de risco; e, tamén, con que criterio a Xunta optou o martes 24 polo trasladado e reparto dos residentes na San Carlos cando unha semana despois as decisións adoptadas tanto en Cangas como en Vigo, cunha porcentaxe de contaxios similar, foi non movelos dos seus respectivos centros.
“Por que non hai enfermeiras para Celanova mentres se abren centros intermedios?”
O concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez, tamén advirte que o equipo de traballadoras que atende os residentes confinados na San Carlos leva dúas semanas sen enfermeira e reclamando una profesional que a Xunta non é quen de proporcionar, deixando nas propias traballadoras a tarefa de procurala. “Por que non hai enfermeiras para Celanova mentres se abren centros intermedios?, cal é a tutela que está levando a Xunta de Galiza da Residencia San Carlos?”, di Rodríguez.
O documento do Comité de Bioética de Galiza tamén fai unha advertencia sobre este aspecto, indica o BNG, cando recomenda “impedir que se produzan desequilibrios de recursos, humanos e materiais entre distintas áreas sanitarias a fin de evitar posibles inequidades utilizando o principio de xustiza distributiva”.
En Santiago de Compostela, o BNG, a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón, volveu onte urxir á Xunta de Galiza a intervir nas residencias de maiores, públicas e privadas.
Reducir a incerteza desde a acción institucional
O BNG de Celanova fai un chamamento ás Administracións galega e local para que se emprendan accións institucionais que contribúan a reducir a incerteza entre a poboación de Celanova. As nacionalistas pediron o domingo a reunión urxente da Comisión de Sanidade, petición que a Alcaldía non atendeu. Naquela demanda, sinalaron varias propostas, entre elas, proporcionar as familias atención psicolóxica nestas semana, por iso agradecen a iniciativa da Mancomunidade de ofrecer ese servizo desde onte cunha profesional prestando atención telefónica, iniciativa á que se sumou un profesional, veciño da vila.
As nacionalistas lembran que esta mesma semana o Goberno central vén de autorizar a celebración de plenos municipais en situacións de emerxencia que poidan adoptar resolucións mesmo a través de reunións por medios telemáticos.
O BNG, tanto a nivel nacional como local, vén insistindo desde hai días na necesidade de definir un plan de choque con probas masivas. O BNG de Celanova considera que, dada a situación xerada polo brote na residencia, a veciñanza da vila e da contorna ten dereito a reclamar que as autoridades sanitarias promovan medidas de control e especial seguimento da evolución dos contaxios na vila, e para iso, a ferramenta da que se dispón agora mesmo non é outra que a realización de test.