Ana Pontón pide a comparecencia de Feixoo pola crise nas residencias de maiores
"Vemos como cada día se están a rexistrar máis contaxios, o que demostra a falta de previsión e anticipación da Xunta de Galiza. Na Xunta sabían que as residencias ían ser focos de contaxio e o dramático é que non se tomaron as medidas necesarias para evitar e minimizar eses contaxios", criticou esta mañá Ana Pontón nunha comparecencia de prensa na sede do Parlamento galego.
Pontón pediu a comparecencia urxente de Núñez Feixoo no Parlamento para explicar esta crise nas residencias, e volveu reiterar as demandas que as nacionalistas levan facendo desde hai dúas semanas.
"Reclamamos a intervención de todas as residencias de maiores, tanto públicas como privadas, porque de momento só hai dúas intervidas [en referencia aos casos de Vigo e Cangas] malia que hai casos de contaxios importantes noutras moitas", dixo a portavoz do BNG. E engadiu: "Pedimos transparencia absoluta, que se axilice ademais a realización de test para coñecer o alcance real do problema, que se garanta a información ás familias establecendo un protocolo claro, e garantir tamén a atención a todos os maiores evitando que se dean situacións de desatención polas baixas de persoal".
Pontón advertiu por último que o goberno galego debe corrixir a liña iniciada hai uns días de agochar datos sobre o problema nas residencias, asunto que están denunciando estes días colectivos de familiares de usuarias e usuarios de residencias de maiores.