O BNG de Celanova propón a creación dun Consello Municipal de Igualdade

Concentración en Celanova este verán tras varios episodios de violencia machista no Estado
Concentración en Celanova este verán tras varios episodios de violencia machista no Estado.
As nacionalistas consideran que o organismo potenciará a visibilidade, a participación social e o apoderamento das mulleres.
 
O BNG de Celanova propón a creación dun Consello Municipal de Igualdade

O BNG levará ao pleno deste mércores en Celanova a proposta para a creación do Consello Municipal de Igualdade “que sirva como ferramenta de diálogo entre a Administración local e o movemento feminista do concello”.


As nacionalistas piden que no organismo estean representadas as forzas políticas, o persoal técnico do Concello, incluíndo a responsábel do CIM (Centro de Información á Muller) dependente da Mancomunidade, así como as distintas asociacións. 


Na mesma iniciativa, presentada coincidindo co día internacional contra a violencia de xénero, o 25-N, o BNG demanda que o Concello de Celanova reclame da Xunta de Galiza un incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero até alcanzar “como mínimo o 1% do orzamento”. Tamén piden que se solicite á Xunta “a mellora da atención e prevención da violencia machista, particularmente, da violencia sexual”, así como ao Goberno central cambios normativos para introducir no marco legal o concepto de “consentimento” e garantir que o sexo “non consentido sexa tratado sempre coma un delito”. 


Na proposta, as nacionalistas reflexionan sobre a alerta lanzada pola Fiscalía do Estado “sobre o aumento da violencia e os delitos de natureza sexual entre as persoas máis novas” relacionado coa “preeminencia da pornografía nas redes sociais”.


Outras mocións

Nesta mesma sesión, o BNG presentará outras dúas iniciativas. Unha, en relación á perda do servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova que afecta a quince concellos das comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova. E outra solicitando do goberno municipal que inicie os traballos para construír a piscina cuberta comprometida nos acordos de investidura entre o BNG e o partido do alcalde, e que constitúe “unha demanda histórica” da veciñanza da vila.
 

O BNG de Celanova propón a creación dun Consello Municipal de Igualdade