O BNG consegue o acordo para que a Alcaldía reciba ás familias dos residentes na San Carlos

Aresidencia4a
Despois da reunión desta mañá co resto dos grupos, o BNG ve agora máis urxente a celebración do pleno que viña reclamando, polas dúbidas e os escasos resultados das accións pasadas e presentes do goberno municipal e a pouca concreción das medidas a futuro.
O BNG consegue o acordo para que a Alcaldía reciba ás familias dos residentes na San Carlos

O BNG de Celanova insistirá na convocatoria urxente do pleno municipal, como órgano soberano para a toma de decisións, despois da longa reunión dos grupos esta mañá da que as nacionalistas saíron “con moitas dúbidas” tanto “polos escasos e insatisfactorios resultados” do que alcalde describiu como “xestións” durante esta crise sanitaria, como polas actuacións a futuro que “apenas son medidas sen concretar”, segundo explicou o concelleiro nacionalista Leopoldo Rodríguez.

 

As nacionalistas, que impulsaran a reunión de hoxe, enviaron o pasado luns aos grupos un texto para consensuar unha declaración institucional sobre a situación da Residencia San Carlos de Celanova. O resto dos grupos eludiron comprometerse con esa declaración.

 

O borrador proposto foi o seguinte:

“A corporación municipal de Celanova reclama toda a atención necesaria para os residentes aloxados nos distintos centros, pero especialmente na Residencia San Carlos, empezando por un servizo de enfermaría a tempo completo e con dotación suficiente para o adecuado descanso do persoal que compoña este servizo, por ser o máis urxente e o que veñen reclamando tanto as familias como as traballadoras e aconsellando os expertos en xeriatría.

A corporación municipal de Celanova reclama unha solución desde as autoridades sanitarias para que se cumpran na Residencia San Carlos todas as garantías para o adecuado tratamento dos pacientes afectados polo covid que recomendan os expertos.

A corporación municipal de Celanova comprométese a reunirse coas familias dos afectados para valorar a posibilidade de establecer un mecanismo de información e comunicación de seguimento do brote na Residencia San Carlos.”

 


Afortunadamente, o grupo de goberno si aceptou a proposta de recibir ás familias, unha demanda que o BNG trasladou en nome das propias familias dos residentes.

 

Tamén quedou en evidencia “a escasa e xenérica información que o alcalde dixo que obtivo das autoridades sanitarias ao respecto do impacto da epidemia en Celanova”, segundo explicou Leopoldo Rodríguez. O BNG saíu coa impresión de que o alcalde deu por boa a pouca información que lle trasladaron desde a Xunta, mentres na San Carlos segue sen haber servizo de enfermaría a tempo completo; “e non parece disposto a seguir preguntando, fiando todo ao estudo estatístico actualmente en marcha e que esperta dúbidas mesmo entre os expertos sanitarios”.

O BNG consegue o acordo para que a Alcaldía reciba ás familias dos residentes na San Carlos