O BNG pide ampliar horario e rebaixar tarifas na piscina municipal

Piscina

As nacionalistas advirten que reducir o horario nun 40% e pechar polas mañás deixa fóra do servizo a numerosas veciñas.

E sinalan que ao eliminar os abonos, os prezos se disparan creando novas barreiras económicas que restrinxe o acceso nunha situación de crise. 

O BNG pide ampliar horario e rebaixar tarifas na piscina municipal

O BNG de Celanova reclama ao goberno municipal que reconsidere a decisión de reducir o horario da piscina municipal nun 40% e de manter os mesmos prezos diarios despois de ter eliminado a posibilidade de pagar o servizo a través de abonos para a toda a tempada.

 

Co novo horario, advirten as nacionalistas, numerosas usuarias quedan fóra do servizo xa que adoitaban acudir polas mañás, entre as 11 e as 15 horas; a maioría delas, veciñas que traballan en horario comercial e aproveitaban as horas do xantar. A redución dos horarios supón un prexuízo evidente para a maioría da veciñanza que depende da instalación municipal para o lecer en época de verán. O BNG pide que se recupere a apertura continua da piscina desde as 11 ás 21 horas.

 

A respecto das tarifas, a día de hoxe, o BNG lembra que a decisión de eliminar os abonos e establecer un pago único de 2 euros para (maiores de 18 anos) e de 1 euro (para os menores de 18 anos), a suba é desmesurada. O BNG explica que no caso do abono familiar, que custaba 50 euros a tempada anterior, o esforzo que deberá facer unha familia de dous adultos e dous menores equivale nas condicións actuais a un gasto de 6 euros por día, durante dous meses. No caso dun abono individual, que custaba 30 euros, o esforzo total durante sesenta días será de 120 euros. O BNG considera que as tarifas son e inaceptábeis, e máis nunha situación como a actual, e pide que se rebaixen de inmediato os prezos actuais.

 

O BNG sinala que a accesibilidade universal é unha condición dos servizos públicos, e calquera limitación horaria non esixida pola normativa sanitaria actual así como uns prezos excesivos van en contra deste principio de xestión pública. As nacionalistas consideran ademais que se deben eliminar ou diminuír as barreiras de acceso que introducen novos métodos de pago como o que se estableceu, e por iso piden ao goberno municipal que valore nestes primeiros días se iso está restrinxindo o dereito de veciñas e veciños ao servizo.
 

O BNG pide ampliar horario e rebaixar tarifas na piscina municipal