O BNG preguntará no pleno o alcalde de Celanova se xa asumiu a súa responsabilidade no Padroado da San Carlos
Hai un ano o virus da covid atacou o centro de maiores de Celanova, o centro socio-sanitario máis importante do Concello que atende uns 60 residentes e dá traballo a máis de 30 persoas. Os efectos do virus foron tremendos. A primeira vítima oficial nunha residencia galega foi unha residente da San Carlos de Celanova o 19 de marzo. O domingo 22 xa se coñecía a gravidade do brote: 24 contaxios.
No pleno deste mes, o BNG preguntará ao alcalde se xa asumiu a súa responsabilidade como membro do Padroado da Residencia San Carlos, cargo que lle corresponde á Alcaldía.
No anterior pleno, en xaneiro, o BNG insistiu ao resto de representantes políticos na necesidade de facer cumprir o acordo de setembro para botar unha man á Residencia, mais o alcalde nin sequera se comprometeu a asumir o cargo que lle corresponde á Alcaldía no órgano reitor do centro nunha actitude inaudita e totalmente irresponsábel dada a situación.
O alcalde non ten problema por presidir a outra fundación da vila, a Curros; pero négase a participar, como é a súa obriga, na fundación que dirixe a Residencia. No pleno de xaneiro mesmo retou á veciñanza: "non vou facer nin máis nin menos do que fixeron os meus predecesores".
Hai un ano, en metade da crise, o BNG reaccionou en todos os niveis institucionais diante do que estaba a acontecer na Residencia. Nos primeiros días da hecatombe na San Carlos esta foi a actuación do Bloque Nacionalista Galego, empezamos hoxe un pequeno relato do que foron aquelas semanas:
Domingo 22.03.2020
A Residencia San Carlos informa nas redes de 13 positivos entre traballadoras e 11 entre as residentes. O goberno local de Celanova informa pola noite nun bando municipal de que a UME chegará ao día seguinte e "se fará cargo provisionalmente da situación" no centro. Non hai constancia de que a Área Sanitaria de Ourense actuase para tutelar a residencia malia que a través das intervencións ordinarias para casos individuais de covid tiña coñecemento da situación.
Luns 23.03.2020
Ás dez da mañá o BNG de Celanova ponse en contacto cun concelleiro do goberno municipal de Celanova para coñecer a situación. "A UME, polo momento, só desinfección", é a mensaxe que traslada o goberno. Os contactos continuarán cada día todos os días até o domingo 29 de marzo.
Desde a San Carlos é derivado o CHUO un residente máis que dará positivo. Sanidade fai os test ao resto de residentes. A UME preséntase ao mediodía e realiza tarefas de desinfección no centro. As traballadoras da quenda de día aproveitan a presenza de medios e asoman á porta: piden mans e material. Os residentes (contaxiados e non) seguen a cargo delas. Empézase a incorporar persoal contratado pola dirección e voluntarias da vila convocadas polas familias dos residentes.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presenta as propostas que o Bloque Nacionalista Galego achegou á Xunta de Galiza durante a primeira semana baixo o estado de alarma e de emerxencia sanitaria. Pontón cita o caso de Celanova ao falar das medidas dirixidas a combater o virus nas residencias de maiores.
https://www.youtube.com/watch?v=eKEhgxN25TY&feature=youtu.be
Pola tarde, a deputada Noa Presas emite un comunicado no que reclama que se garanta "de forma urxente, persoal que compense a falta de profesionais e evite un colapso asistencial no centro". E pide "dotar de forma urxente de material de protección (EPI’s) suficiente" e, tamén de forma urxente, que se habilite "un recurso habitacional para poder illar pacientes se é necesario".
MARTES 24.03.2020
Os 11 residentes que deron positivos no test son trasladados ao centro habilitado en Baños de Molgas para albergar contaxiados procedentes de residencias, serán os primeiros ocupantes dun centro desas características no país.
O traslado prodúcese mentres o presidente Feixoo di en rolda de prensa que o Goberno central xerou "confusión" e que a Xunta esperaba que a UME asumise maiores responsabilidades na Residencia San Carlos.
O Goberno emite unha nova orde que subliña as instrucións da orde ministerial do 19. Especifica que as intervencións en residencias inclúe a facultade, entre outras, de ordenar altas, baixas, reubicacións e traslados de residentes; de establecer novos centros residenciais; de designar a un empregado público para dirixir e xestionar a actividade que poida dispoñer dos "recursos materiales y humanos disponibles en el centro residencial intervenido, así como de los recursos vinculados con la actividad sanitaria asistencial que se presta de forma habitual a los residentes en el mismo" (aptdo. c, do punto Terceiro, da Orde SND/275/2020, de 23 de marzo).
A portavoz nacional, Ana Pontón, volver referirse ao caso de Celanova e insta á Xunta iniciar un plan de choque “específico” para as residencias de maiores con probas masivas e material de protección para persoal e usuarias.
O BNG de Celanova colabora nunha campaña das familias dos residentes de Celanova que se organizan para reclutar voluntarias e unha enfermeira.
Pola tarde, o BNG de Celanova emite un comunicado no que o seu protavoz municipal, Leopoldo Rodríguez, reclama máis axilidade por parte das consellerías de Política Social e de Sanidade na solución da crise vivida na Residencia San Carlos, e pide que se dea ás familias de residentes e traballadoras e a veciñanza en xeral "toda a información sobre as medidas que se han tomar no sucesivo tanto nos coidados aos maiores afectados como na xestión do foco de contaxio e da seguridade do resto de residentes e traballadoras”.
No Congreso, o deputado nacionalista Néstor Rego critica a posición que está a tomar Núñez Feixoo ao non asumir as súas responsabilidades como presidente da Xunta e “en escudarse en quen ten que tomar decisión é o Goberno central porque a prioridade neste momento é o de salvar vidas, por tanto é unha obriga actuar para logralo, especialmente por parte de quen ten a responsabilidade de gobernar”.