O BNG reclama axilidade na restitución do servizo de teléfono e Internet en Gomesende
O BNG esixe a compañía Movistar que restitúa os servizos de telefonía fixa e Internet en Gomesende cando van máis de dúas semanas dunha avaría que interrompeu as comunicacións. O BNG lembra que, segundo a Lei de Telecomunicacións, as empresas responsábeis teñen a obriga de reparar as avarías na rede antes de 72 horas. As nacionalistas piden ademais que o goberno municipal de Gomesende realice as xestións necesarias para urxir á restitución dos servizos e estude a posibilidade de presentar unha reclamación por danos e perdas ás veciñas e veciños.
“Este apagón tecnolóxico afecta a persoas que teñen o teléfono fixo como única forma de comunicarse, pero tamén a servizos públicos, como o teléfono do Concello, a servizos bancarios e de farmacia pola caída de Internet, e tamén tivo repercusións negativas na atención sanitaria e en negocios particulares nunhas datas de importante consumo”, sinala Manuel Ferro, responsábel comarcal do BNG Terra de Celanova-Baixa Limia, despois de que as nacionalistas puideran comprobar esta mañá como algunhas das comunicacións (en particular, co Concello) continuaban interrompidas malia a denuncia de varios veciños onte na TVG. Algunhas liñas volveron entrar en funcionamento, pero outras moitas, así como a conexión a Internet, seguían fóra de servizo este venres, case tres semanas despois de que se producira a primeira caída.
O BNG denuncia o desleixo das Administracións Públicas diante dos problemas da veciñanza do rural e do abandono das empresas multinacionais que prestan servizos básicos no rural.