O BNG reclama “unha reflexión colectiva” sobre o uso do espazo público
O BNG quere un debate profundo e coa participación da veciñanza sobre o uso do espazo público en Celanova. As nacionalistas presentarán no pleno do próximo mércores -a sesión adiouse até o xoves 30- unha moción para que o goberno municipal se comprometa a “revisar a normativa que regula a ocupación do espazo público na vila” e a “establecer fórmulas” para que a veciñanza, axentes sociais, asociacións e institucións participen no proceso.
O BNG, que quere que o goberno inicie ese debate antes de dous meses, cuestiona “os criterios que segue o goberno municipal para destinar estes espazos públicos a actividades comerciais para lucro de empresas privadas” e pon como exemplo a ocupación da praza Maior durante o Nadal.
As nacionalistas piden ao grupo de goberno que “non se acomode ás inercias herdadas do PP e reverta a tendencia á privatización do espazo público monumental” e conclúen que hai tempo “para corrixir xa este ano” animando a “traballar en serio sobre políticas públicas sensíbeis co patrimonio histórico material e inmaterial de Celanova, e con visión de futuro”.
Manifestación pola sanidade pública do 9 de febreiro
Por outra banda, o BNG presentará no pleno dúas mocións máis. Unha relativa á defensa da sanidade pública galega na que solicita que a corporación apoie a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o próximo 9 de febreiro en Compostela, e se pronuncie ademais contra “o peche de servizos nos hospitais das nosas áreas” e a prol da mellora “dos recursos sociosanitarios”.
Impulso de políticas sobre a emigración galega
Na terceira das mocións, as nacionalistas súmanse a unha iniciativa impulsada por Vía Galega en concellos de todo o país na que se reclama que a corporación municipal se dirixa ao Parlamento galego para que “tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional”. O texto solicita que se inste ao Parlamento a constituír unha ponencia que “estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama”.