O BNG sinala o exemplo de Verea e pide aos concellos que informen sobre os cambios nas liñas de buses

Autobuses
As nacionalistas reclaman que os gobernos municipais se dirixan á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e pregunten polas novas condicións do servizo na comarca tralo cambio da concesionaria.
O BNG sinala o exemplo de Verea e pide aos concellos que informen sobre os cambios nas liñas de buses

Despois de que o 1 de xaneiro entrase en vigor a nova concesión para a prestación do servizo de transporte público por estrada que atende ás conexións dos concellos da Baixa Limia e Terra de Celanova con Ourense, o Bloque Nacionalista Galego constatou que os diferentes gobernos municipais non recibiran información sobre as novas condicións do servizo en canto a horarios, tarifas e vehículos.

 

Esta semana, desde o goberno municipal de Verea, o alcalde, o nacionalista Pérez Valado, solicitou da Delegación Territorial da Consellería de Infraestruturas a información precisa sobre as condicións coa vontade de informar ás veciñas e veciños do concello.

 

O BNG pide aos concellos da Baixa Limia e Terra de Celanova que sigan o exemplo de Verea e pregunten á Consellería de Infraestruturas polas novas condicións do transporte público na comarca e informen puntualmente ás veciñas e veciños dos cambios na prestación do servizo toda vez que, co novo ano, mudou a concesionaria.

 

A asemblea comarcal do BNG estudará se cómpre levar aos diferentes plenos municipais esta cuestión e dar pasos cara unha relación máis fluída entre a nova concesionaria e os distintos concellos para a mellora do servizo. Ademais, o BNG lembra que, xunto aos bandos municipais, existen outras ferramentas para achegar información á veciñanza, tales como as asembleas parroquiais que puxo en marcha o anterior goberno municipal de Barbadás participado polas nacionalistas. 

O BNG sinala o exemplo de Verea e pide aos concellos que informen sobre os cambios nas liñas de buses