DIARIO DO BROTE DO COVID19 EN CELANOVA. 29º DÍA
Cambios nos protocolos por contrastar e afirmacións gratuítas de Rubial
48 horas despois… ningún medio de comunicación do país contrastou co SERGAS se o caso dunha das traballadoras da Residencia San Carlos de Celanova que deu positivo o luns antes de reincorporase ao traballo —e que levou ao departamento de Sanidade da Xunta a suspender, o mesmo luns, as altas médicas que recibiran outras compañeiras na mesma situación e a prescribir para todas elas (17) a segunda proba que se realizará esta mesma semana— determinou unha excepción no protocolo ou suporá unha modificación do protocolo a respecto da reincorporación aos seus postos do persoal sanitario e sociosanitario afectado de covid19 que pase o período de corentena.
O Ministerio de Sanidade si anunciou, o mesmo luns pola tarde, que modificará o protocolo en base ao cal se viña actuando nestes casos.
Os protocolos, tanto o do SERGAS como o do Ministerio, son públicos e poden consultarse nas respectivas webs.
[Nova de hoxe en La Región. A información sobre o protocolo continúa a ser atribuída ao BNG, polo momento, única fonte]
Declaracións do xerente da área sanitaria a respecto dos protocolos
Nunha aparecida na edición ourensá deste martes do xornal La Voz de Galicia e titulada “Celanova realoja a sus mayores y las cuidadores esperan por el test”, atribúense ao xerente da EOXI [Félix Rubial] as seguintes afirmacións: que os médicos de cabeceira teñen “orde” de pedir o segundo test, e que “non tería sentido confinar e separar negativos de positivos para volver xuntalos”.
Por aclarar: o SERGAS eliminou o segundo tests no caso de persoal sanitario e sociosanitario que deu positivo e pasou o período de corentena para que se reincorpore de inmediato ao traballo (protocolo do SERGAS do 8 de abril, baseado nun protocolo do Ministerio de Sanidad do mesmo día). O SERGAS eliminou esas probas directamente sen informar nin as traballadoras nin aos médicos de cabeceira. Polo tanto, os médicos seguiron o protocolo, e o SERGAS tamén. A primeira afirmación de Rubial é gratuíta. El saberá con que intención a fixo.
Tamén é gratuíta, por contraditoria, a segunda afirmación. No caso da Residencia San Carlos de Celanova o que fixo o SERGAS —que é a entidade administrativa que ordena traslados e ingresos e altas de pacientes de covid19— foi, desde o principio, manter casos positivos (os sete que permanecen no centro) con casos negativos (e o domingo 12 de abril trouxo de volta de Baños de Molgas 18 negativos máis).
O BNG advertiu ese mesmo día, o domingo, que o traslado de residentes ía en contra das recomendacións dos expertos. E tamén advertiu que o SERGAS ía “empuxar” ás traballadoras, amparándose nun protocolo, tal e como llo comunicou ás propias afectadas, a incorporarse ao traballo sen pasar o segundo test.
NOTA
Félix Rubial Bernárdez é o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense desde xullo do ano pasado. Foi un dos responsábeis de levar adiante a decisión de fechar o paridoiro de Verín, que foi reaberto pola presión das usuarias e das traballadoras. Antes de ser nomeado xerente da área de Ourense estivo ao cargo da área de Vigo, onde o seu labor foi contestado, entre outras accións, coa dimisión en bloque dos médicos de servizo de Atención Primaria en maio do ano pasado. Rubial foi director médico do Hospital de Burela, director médico do Hospital de Lugo, subdirector médico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, director operativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e, desde 2012, director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, cargo que deixou en 2015 para xestionar en Vigo a reorganización da área coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro.