“Cantas persoas máis teñen que morrer para que a Xunta interveña en Celanova?”

Aresidencia9a

O BNG pide que se interveña na residencia de Celanova igual que se fixo na do Barco e advirte que faltan recursos humanos e materiais.

O SERGAS responde devolvendo a Celanova nun traslado 'exprés' a 18 residentes que deron negativo tras dúas semanas en Baños de Molgas.

A presión sobre as traballadoras aumenta e condicionará as decisións das que estaban de baixa e que a partir de mañá poderían reincorporarse sen pasar por un segundo test.  

“Cantas persoas máis teñen que morrer para que a Xunta interveña en Celanova?”

“Cantas persoas máis teñen que morrer para que interveña a Xunta?”, quéixase Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG en Celanova. O BNG de Celanova pediu este domingo que se interveña na residencia de Celanova igual que se fixo na do Barco. As nacionalistas advirten que na Residencia San Carlos de Celanova faltan recursos humanos e materiais, que o persoal ao cargo non recibiu a formación necesaria e non se están a atender as recomendacións dos expertos en xeriatría, e denuncian que a Xunta elude a orde ministerial de intervir.


“Con seis falecidos, coa residencia dividida en dúas, coa atención deficiente malia o esforzo sobrehumano das traballadoras, en medio da irresponsabilidade da Xunta que ignora a orde ministerial de intervir nunha emerxencia sanitaria desta envergadura, coas familias abandonadas por todas as administracións e sen poder coñecer o estado real das anciás e anciáns, que máis ten que pasar para que a Xunta interveña o centro?”, pregúntase Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG Celanova. O BNG reclama que a Xunta actúe como acaba de facelo na residencia de maiores Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras.

 

Mentres, o SERGAS decidía este mesmo domingo o traslado a Celanova dun grupo de 18 residentes en Baños de Molgas que deron negativo no segundo test. Esta medida, que se anunciou ás familias pola mañá e non se comunicou ao centro até pola tarde, vén aumentar a carga de traballo do persoal que atende o centro (5 traballadoras do equipo habitual e 9 contratadas estas dúas últimas dúas semanas).

 

Estas son as circunstancias actuais da Residencia San Carlos e que urxen unha intervención:

1. Faltan recursos humanos e materiais.

    A residencia leva 24 días sen enfermeira, e son as auxiliares as que teñen que prestar un servizo para o que non están cualificadas.
    A residencia non dispón do persoal necesario (equipo médico e de enfermaría) para atender a pacientes infecciosos. As auxiliares non poden suplir esa atención.
    A residencia non é un espazo adaptado para a atención sanitaria que esixe esta emerxencia nin dispón dos medios materiais para prestar esa atención. Entre outras cuestións, non dispón dos espazos nin do material axeitado para tomar medidas eficaces de illamento. 
    A carga de traballo para as traballadoras incrementouse, e veñen arrastrando semanas de estrés e de xornadas ampliadas. A carga de traballo inclúe tarefas administrativas como a contratación de novas auxiliares. 

2. Falta cualificación e non houbo formación.

    O persoal que atende aos residentes non ten a cualificación nin recibiu estes días ningún tipo de formación complementaria para atender unha residencia con pacientes de covid19. 
    O persoal non ten a cualificación nin recibiu formación complementaria para atender unha residencia na que conviven enfermos infecciosos con residentes que aínda non foron contaxiados. 

3. Non se respectan as recomendacións dos expertos en xeriatría.

A solución adoptada de manter aos pacientes con covid19 na residencia de Celanova que non puideron ser trasladados a Baños de Molgas contradí as recomendacións da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que foron feitas públicas nun documento o 18 de marzo.

Non se entende que as recomendacións se adoptasen a medias. É dicir, que se trasladase só a unha parte dos contaxios e a outra non, e neste caso atendendo a outros criterios que nada teñen a ver coa presente emerxencia sanitaria.

4. Non se respectan as recomendacións dos expertos en bioética.

A situación actual da residencia de maiores de Celanova non atende ás recomendacións do Comité Galego de Bioética en cuestións que desde o BNG vimos denunciando desde que estalou a crise:

    4.1. Non se incrementaron os recursos humanos e materiais “que permitan diminuír a necesidade de tomar decisións de adecuación de intensidade de tratamentos motivadas pola escaseza de medios”, segundo recomenda o comité.
    4.2. Estase a producir un desequilibrio de recursos, humanos e materiais o que xera  posibles inequidades na atención aos maiores, circunstancia que vai en contra do principio de xustiza distributiva ao que atenden ás recomendacións do comité.
    4.3. A información que chega ás familias (e nesta cuestión advertimos sobre a situación que están a vivir as familias dos trasladados a Baños de Molgas) e á comunidade non é nin permanente nin fluída como aconsella o comité, aspectos que considera básicos para que se xere a confianza de que “nunca se produce un abandono do paciente” nunhas circunstancias como as presentes de obrigado distanciamento de familias e pacientes.

5. A Xunta de Galiza desatende as sucesivas ordes ministeriais que a obrigan a intervir nas residencias en situación de emerxencia.

A Xunta de Galiza debe intervir a Residencia San Carlos de Celanova tal e como fixo nos casos de Vigo e Cangas, centros nos que, a diferencia do de Celanova, tanto o espazo físico, como a dotación de persoal e material permitían atender unha emerxencia deste tipo.

O BNG lembra que a Administración galega elude tanto a súa responsabilidade como a súa obriga de intervir en situacións como as que vive a residencia de Celanova, e incumpre a orde ministerial do 19 de marzo, complementada o 23 de marzo e publicada no BOE do 24 de marzo, na que se establecen, entre outras “medidas de intervención” en centros residenciais, a seguinte:

“En los casos en los que un centro residencial cuente con pacientes clasificados en los grupos b), c) y d) del apartado segundo.1 de la Orden SND/265/2020, de 19 de marzo, designar a un empleado público para dirigir y coordinar la actividad asistencial de estos centros. A estos efectos, dicho empleado público dispondrá de los recursos materiales y humanos disponibles en el centro residencial intervenido, así como de los recursos vinculados con la actividad sanitaria asistencial que se presta de forma habitual a los residentes en el mismo.” [punto terceiro. Apartado c] 

No caso de Celanova, danse os supostos clasificados na orde do día 19. Isto é: “residentes sin síntomas, en aislamiento preventivo por contacto estrecho con caso posible o confirmado de covid19”; “residentes con síntomas compatibles con el covid19” e “casos confirmados de covid19” desde o xoves día 19 cando se confirmou a primeira vítima da pandemia no brote de Celanova.

“Cantas persoas máis teñen que morrer para que a Xunta interveña en Celanova?”