Un caso negativo segue na planta dos covids en Celanova por falta de habitacións
A familia da muller denuncia que, día e medio despois de recibir o resultado de negativo no test, segue illada na mesma planta con outros catro pacientes que deron positivo.
Segundo a familia e outras fontes, faltan habitacións nas outras plantas tras seren ocupadas nos últimos días por retornados desde o centro de Baños de Molgas, os últimos este domingo, nunha decisión que volve amosar a falta de previsión do SERGAS.
Corenta e tres días despois de detectado o primeiro caso na Residencia San Carlos de Celanova o caos continúa rexendo o primeiro centro de maiores que sufriu un brote grave de covid19.
O BNG de Celanova denuncia que un caso negativo segue esta mañá, día e medio despois de que se coñecera o seu resultado negativo nos últimos test, na planta de covids. A familia lanzou onte a alerta. A Residencia está coa dirección delegada –a directora, unha das contaxiadas, segue de baixa pola infección-, os patróns non aparecen e o SERGAS segue negándose á intervención.
En contacto coa encargada eventual, a familia recibiu a explicación de que a muller está atendida “seguindo un protocolo da UME” e que as traballadoras mudan de roupa entre esa habitación e as outras. A familia tamén recorreu ao médico de cabeceira, mais este restou importancia á situación. Outras fontes explican que o cambio de planta non se fixo porque non quedan habitacións libres despois de que volveran para Celanova parte dos trasladados a Baños de Molgas, os últimos, este pasado domingo.
Despois de sete semanas desde que se declarou o brote na San Carlos, os residentes están espallados en 4 centros diferentes e ningún deses espazos é un centro “limpo” de covid19, o que amosa a desfeita da xestión do SERGAS no caso de Celanova, a única residencia cunha emerxencia grave na que se negou a intervir directamente.