Comunicado do BNG Celanova pedindo información e atención especializada polo brote de covid19
O BNG de Celanova considera que, dadas as dimensións en canto a número de contaxios e a alarma social que está a producir o foco de covid19 rexistrado desde o día 18 na Residencia San Carlos de Celanova, a corporación municipal debe tomar un papel activo nas accións a desenvolver durante as próximas semanas.
En consecuencia, o BNG de Celanova solicita unha reunión inmediata da Comisión de Sanidade, este mesmo luns, co obxectivo de que os grupos se pronuncien sobre estas dúas iniciativas:
1) O BNG de Celanova insta ao goberno municipal a establecer en colaboración con outras Administracións un servizo de atención e información directo coas familias das persoas contaxiadas por covid19 que foron derivadas ao centro intermedio de Baños de Molgas e ás dos resto de residentes na San Carlos de Celanova.
O servizo debe proporcionar tanto información puntual do estado dos maiores e dos medios dispostos para a súa atención, como apoio psicolóxico aos familiares que o soliciten.
2) O BNG de Celanova urxe ao goberno municipal a que solicite da Área Sanitaria de Ourense información precisa sobre os casos de contaxio rexistrados no concello e promova a realización de test entre as familiares de residentes e traballadoras, así como o persoal sanitario do Centro de Saúde.
O obxectivo desta iniciativa é obter das autoridades sanitarias unha información que permita avaliar a necesidade de tomar ou non medidas adicionais para conter a transmisión comunitaria na vila.
Desde o BNG de Celanova ofrecémonos a colaborar no que se nos requira na posta en marcha destas medidas.