COMUNICADO

A contumacia dos lumes no Xurés: faltan medios e falta prevención

meteolobos lume Xurés set2020
Lume esta fin de semana en Río Caldo. @meteolobios
A contumacia dos lumes no Xurés: faltan medios e falta prevención

Diante do incendio que desde o sábado até onte asolou no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés máis de 2.000 hectáreas na parroquia de Río Caldo e a vaga de lumes que continúan a destruír o patrimonio natural da contorna, a asemblea comarcal do BNG da Baixa Limia e Terra de Celanova manifesta o seguinte:

1. Denunciamos o abandono por parte da Xunta de Galiza do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, onde cada ano, desde hai décadas, o lume asola o monte, elimina especies e mingua as posibilidades de aproveitamento social e económico do espazo protexido e que no ano 2009 foi declarado Reserva de la Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés.

2. A carencia dunha estratexia de prevención, a escaseza de medios de limpeza, vixilancia e extinción para atender un parque de 26.000 hectáreas, e o abandono de corta-lumes que se realizan atendendo a prazos administrativos e non nas épocas do ano que se debera, son algunhas das razóns do contumaz desastre e da proliferación de lumes de nova xeración cada vez máis perigosos e con maior capacidade destrutiva.

3. Nun contexto de cambios nas condicións climáticas cunha maior duración da época de risco e polo tanto das campañas contra o lume, a Xunta de Galiza apenas ten reaccionado e os medios materiais e humanos para labores de prevención continúan a ser escasos. Na campaña deste verán, aínda hai prazas pendentes de cubrir en tarefas de vixilancia no Parque. Os dous tractores resultan insuficientes para rozar as beiras de centos de quilómetros de pistas durante a primavera e o verán. A caseta de vixilancia de Lobeira, na zona exterior do Parque, continúa a ser a única fixa para cubrir a área. E as dúas parellas de vixilantes destinados especificamente a esas funcións no Parque non operan todos os días do verán polos preceptivos descansos e hai quendas nas que a labor de control se ve limitada a unha superficie pequena do espazo a protexer.

4. Nestas circunstancias, cando o Parque arde ano tras ano en parroquias localizadas e definidas como prioritarias no PLADIGA (como Río Caldo, en Lobios, e Requiás e As Maus, ambas en Muíños, onde se produciron os lumes esta fin de semana) pero nas que non se mellora a dotación de medios nin de persoal nin os mecanismos de vixilancia, sentimos como unha burla á veciñanza que padece os incendios as declaracións do conselleiro de Medio Rural e do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, deitando toda a culpa nuns presuntos incendiarios sobre cuxa existencia a única evidencia son as continuas denuncias dos responsábeis políticos.

Non sabemos se hai tantos incendiarios como din o concelleiro e o seu director xeral, pero si sabemos quen son os responsábeis políticos que evitan someter o seu fracaso á crítica.

5. Coa catástrofe en curso no Parque Natural desde hai, cando menos, dúas décadas, non se entende a incompetencia da Consellería de Medio Ambiente e Territorio na xestión das súas responsabilidades. Tampouco se coñece cal é a planificación, a estratexia de conservación e a utilidade de manter (é un dicir) a cualificación de protexido sobre un espazo que arde cada ano sobre o que xa ardeu e perde biodiversidade de maneira acelerada sen que muden as políticas.

6. Esiximos dos gobernos municipais dos cinco concellos da comarca da Baixa Limia unha acción encamiñada a denunciar esta situación de abandono do Parque Natural por parte da Xunta de Galiza. E continuaremos a denuncia política desta situación en todas as institucións do país nas que o BNG ten representación. Tamén acompañaremos e animaremos todas as reivindicacións das veciñas e veciños da contorna do Parque para deter esta desfeita.

7. Temos como sociedade unha responsabilidade compartida para emprender accións que rematen con este sentimento de abandono e a resignación social contra a que xa advirten os expertos como un problema engadido. Non imos consentir que continúe a agresión o Parque Natural nin que siga a diminuír o potencial dun activo para o desenvolvemento socio-económico da comarca mentres a poboación está sendo expulsada por falta de recursos para levar unha vida digna. 

 

...

 

Ana Pontón, este mércores en Ourense: "Prevención todos os días do ano"

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse ao “balance desastroso” da onda de incendios que arrasou máis de 9.000 hectáreas na provincia estes días, “reflexo do fracaso da política do Goberno na loita contra os incendios e na preservación do territorio, porque vemos que ano a ano o país arde sen que se tomen medidas eficaces para impedilo”.

Ponton lumes OU set 2020Nunha xuntanza con responsábeis do BNG en Ourense, Pontón trasladou todo o apoio do Bloque aos traballadores e traballadoras das brigadas de extinción que están facendo un labor extraordinario para conter os lumes, e á veciñanza destes municipios, que viviron horas de tensión e de angustia ante o que supón a acción devastadora dos incendios.

Lamentou que o PP impedise a comparecencia do conselleiro de Medio Rural en pleno ou que o presidente da Xunta aínda no visitase a zona afectada. “O que resulta evidente é que non se combate o lume coas mesmas receitas fracasadas de sempre, hai que dar un xiro de 180º na loita contra os incendios e na preservación do territorio, e facer da prevención os 365 días do ano unha marca de identidade”, salientou Pontón.

 

 

 

A contumacia dos lumes no Xurés: faltan medios e falta prevención