Iago Tabarés interpela ao goberno galego pola calidade do servizo postal en Pontedeva

Pontedeva. Casa do Concello
Pontedeva. Casa do Concello
O deputado nacionalista presenta unha serie de preguntas parlamentarias e chama a atención a respecto da precarización do emprego postal que atende a zona de Pontedeva.
Iago Tabarés interpela ao goberno galego pola calidade do servizo postal en Pontedeva

"Na última década o número de carteiros rurais destinados na provincia de Ourense diminuíu en máis dun 30%, continuando actualmente esta tendencia á redución do cadro de persoal co conseguinte detrimento na prestación do servizo", sinala Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense, nunha pregunta rexistrada este luns no Parlamento de Galiza. 


Tabarés interpela á Xunta a respecto da calidade do servizo postal que se presta neste concello despois de que se fixeran públicas ás queixas da veciñanza. O deputado lembra a situación de "precariedade" que afecta ao cadro de persoal que atende a zona de Pontedeva "na que só un dos cinco postos de traballo de carteiros previstos na RPT [Relación de Postos de Traballo] é fixo, sen que se proceda á cobertura da totalidade das prazas, nin sequera nas épocas de maior actividade, contribuíndo a un maior deterioro no servizo e a incrementar a carga de traballo e o territorio a atender polo persoal existente". 


O BNG pregunta ao goberno galego se "realizou algunha xestión perante a sociedade anónima Correos e Telégrafos para a mellora do servizo postal en Ourense e a cobertura das prazas vacantes da carteiría do rural", e ademais chama a atención sobre un problema engadido: a inexistencia de numeración identificativa nos inmóbeis, interpelando á Xunta sobre as xestións que realizou ante as Entidades Locais para emendar tal circunstancia.


Tabarés denuncia que, en xeral en Ourense, a falta de cobertura e substitución nas baixas e permisos e a amortización das prazas das xubilacións "provocan unha redución no cadro de persoal que se ve imposibilitado de prestar un servizo de cualidade" e lembra que a supresión no ano 2020 da oficina técnica de Cortegada, convertida "en oficina satélite" cunha redución de case o 50% no tempo de atención ao público, "foi un paso determinante en deterioro na prestación do servizo postal nos concellos de Cortegada, Padrenda, Gomesende e Pontedeva".
 

Iago Tabarés interpela ao goberno galego pola calidade do servizo postal en Pontedeva