Vanesa García interpela á alcaldesa: "Diga a verdade"
Despois da suspensión do mércores, Teresa Barge celebrou o pleno e volveu aumentar a confusión sobre a súa responsabilidade directa no caso do falso policía local.
Esta é unha parte do diálogo que mantivo a concelleira nacionalista, Vanesa García, coa alcaldesa durante a quenda de rogos e preguntas no pleno deste venres:
- Pode mostrar a titulación que presentou esta persoa e que figura no decreto?
- Está no expediente que foi enviado ao Xulgado e á Garda Civil
- Pode mostrar o informe xurídico?
- Si... volvo dicir que nunca exerceu tales funcións e que só se deu de alta como membro de protección civil. El presentou un título o día 15 [de marzo] da Axencia Galega [AGASP?], que está en investigación, de policía local... dicindo que el era auxiliar de policía local e que se nós queríamos podería desenvolver esas funcións. Cousa que nunca se comprometeu o Concello e pediuse un informe xurídico ao respecto simplemente por saber se iso era verdade. Informe xurídico que resultou negativo. Si, si, por suposto, podémoslle dar copia.
- Pode explicar a que empresa lle encargou ese informe e canto lle custou?
- Nunca se pagou nada por ese informe nin nunca se encargou definitivamente, pediuse un orzamento nas empresas para o caso de que o informe xurídico fose favorábel e se vira algunha posibilidade, cousa que nunca se fixo... e de xeito cautelar a posibilidade de subministrar [un uniforme?] que se lle pediría para que entregara no Concello, cousa que endexamais foi entregado nin comprado nin pagado ni recibido na Casa Consistorial. Nin existe albarán que fora entregado endexamais.
(Teresa Barge adiantouse na resposta anterior á pregunta polo encargo dun uniforme de policía).
(A concelleira nacionalista, Vanesa García, insistiu na cuestión do informe).
- Entón, cal foi o motivo de ter solicitado ese informe sobre a policía local?
- El presentou un título que estaría pendente de comprobación e pediuse un informe xurídico para ver se... El insistía que podía prestar esas funcións a parte do voluntariado [en protección civil]. El insistía que podía prestar esas funcións, e que lle daba puntuación, de xeito gratuíto e voluntario. Simplemente se pediu un informe xurídico para ver se iso era verdade e era posíbel. (...) Solicitamos un infome se como voluntario de policía local podería prestar... PODERÍA, puidera o pudiese... no futuro, prestar algún servizo dese tipo.
- A respecto do uniforme, respondeunos por escrito que tiña pedido a unha empresa un uniforme xenérico sen distintivo municipal...
(Interrompe a alcaldesa).
- Pediuse un orzamento e de xeito cautelar para se esa empresa tiña ou fabricaba uniformes para o caso de que fose necesario e o informe xurídico fose positivo... un uniforme básico sen distintivos do Concello... QUE PRETENDE?, que quere que lle diga?
- Que nos fale claro. A verdade.