PLENO DE OUTUBRO

Celanova acorda crear o escano cidadán e a retransmisión dos plenos en Internet

Mercado dos Xoves. Celanova. Imaxe La Region
Mercado en Celanova. (Foto: La Region)

Apoio unánime do pleno ás propostas do BNG para que as veciñas de Celanova teñan voz propia nos debates.

Celanova acorda crear o escano cidadán e a retransmisión dos plenos en Internet

Os plenos do Concello de Celanova serán retransmitidos en directo a partir do ano que vén (nos prazos do acordo establécese que se instale o equipo antes de 6 meses) e as veciñas e veciños disporán dun escano cidadán desde o que expresar directamente no pleno as súas queixas, demandas ou propostas. 

 

Nas próximas semanas, os grupos, que acordaron por unanimidade a implantanción destas dúas medidas de transparencia e participación a proposta do BNG, deberán decidir en que momento do pleno (as nacionalistas propoñen ao inicio, para facilitar a participación, dado a experiencia que hai doutros concellos) a veciñanza tomará a palabra, e outras cuestións como o número de intervencións cidadáns en cada sesión.

 

En canto á posta en funcionamento sistema de retransmisión por sesións por streaming, “no prazo de seis meses”, o obxectivo é mellorar o acceso da veciñanza aos debates.

 

“Tiñamos o compromiso do goberno e agora sumamos o de toda a corporación. Empecemos xa, canto antes, porque estas dúas ferramentas son básicas para que a veciñanza coñeza e se implique na toma de decisións que afectan a vida de todas e todos”, manifestou ao remate do pleno Leopoldo Rodríguez, o concelleiro do BNG en Celanova que negociou e defendeu con éxito as propostas. 

 

O PP asume os recortes de Baltar á gardaría

No pleno aprobáronse ademais as outras dúas mocións que presentaron as nacionalistas. Os grupos do goberno e o BNG votaron a favor de reclamar á Deputación Provincial o mantemento da subvención á gardaría municipal, os 25.000 euros que Baltar decidiu quitar a Celanova nestes últimos orzamentos. O PP votou en contra, mais a demanda irá adiante.

 

Como tamén segue adiante, malia o voto en contra do PP, a demanda de que a Deputación se dote dun Plan Único –como os que xa funcionan nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra- que estableza criterios obxectivos no reparto de fondos aos concellos e elimine a discrecionalidade que sostén o caciquismo en Ourense.

Celanova acorda crear o escano cidadán e a retransmisión dos plenos en Internet