O alcalde de Celanova abandonou a opción pública para a Residencia

INTERIOR residencia Celanova4
Ante a posibilidade dun cambio no control do centro, o BNG de Celanova reclama que se manteña a parte pública do padroado e lembran que o urxente é reforzar o persoal.
O alcalde de Celanova abandonou a opción pública para a Residencia

COMUNICADO ESTE SÁBADO 24 DAS FAMILIAS A TRAVÉS DE ADUR GALICIA: https://www.facebook.com/ADURGalicia/posts/266846915117116

 

“Se finalmente se confirma o acordo entre os patróns da Residencia San Carlos e a Fundación San Rosendo, Celanova terá deixado pasar a oportunidade dunha opción pública para o centro de maiores, que derivará cara un modelo de atención moi diferente ao que vimos reclamando desde o BNG”, explica Leopoldo Rodríguez, portavoz nacionalista en Celanova e impulsor do acordo municipal do pasado mes de setembro que apostaba por reforzar o carácter público da Residencia con apoio económico e no labor de xestión.

 

O BNG de Celanova advirte que a abulia do alcalde no que respecta á sorte da Residencia ten moito que ver co desenlace da maior crise socio sanitaria que viviu Celanova durante a pandemia. As nacionalistas lembran que no pleno de xaneiro de 2021 o alcalde recoñeceu que aínda non formalizara a súa incorporación ao padroado de Residencia como membro nato en representación do Concello de Celanova, e pasaron vinte meses até que por fin o fixo -como informou no pleno de abril a preguntas do BNG- sen recordar nin sequera a data.


Durante a crise, o alcalde eludiu afrontar a responsabilidade que lle correspondía e mesmo o pasado xaneiro advertiu que non ía facer “nin máis nin menos” que os seus antecesores. O BNG lembroulle que só tardou quince días desde que colleu o bastón en 2019 en asumir a presidencia da Fundación Curros, a outra entidade sen ánimo de lucro con vínculos directos co Concello de Celanova.

 

“Entendemos que o alcalde non participou, como lle correspondía, nos momentos decisivos da historia recente da Residencia, e que deberá dar explicacións tanto de por que non o fixo como da súa intervención ou ausencia de intervención nestas negociacións que agora se coñecen”, indica Leopoldo Rodríguez.

 

As nacionalistas consideran que o Concello de Celanova debe velar por manter a participación pública no padroado da Residencia e que esa é unha condición na que ten que comprometerse a traballar (agora si) o alcalde, como máximo representante das veciñas e dos veciños.

 

Finalmente, o BNG comparte a preocupación expresada polos colectivos de familiares de usuarias de residencias a respecto de mudanzas nas condicións e na atención que puideran derivarse dun eventual cambio na xestión, e lembra que as necesidades financeiras do centro son coñecidas e insiste en que o urxente é reforzar o persoal, especialmente no apartado sanitario.

 

NOS MEDIOS

21 NOTICIAS. https://21noticias.com/2021/04/o-bng-de-celanova-critica-que-o-alcalde-abandonase-a-opcion-publica-para-a-residencia/

Galicia Confidencial. http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/161006-bng-comparte-criticas-familias-pola-intencion-fundacion-san-rosendo-facerse-coa-residencia-san-carlos-celanova


 

O alcalde de Celanova abandonou a opción pública para a Residencia