Barje (PP) agocha agora un expediente urbanístico e obriga ao BNG a pagar para obtelo
A alcaldesa da Bola, Teresa Barge (PP), negou á representación nacionalista a copia de documentación municipal que insta o derrubo dunha obra en Podentes, e adiou para despois do pleno a entrega do informe polo que o BNG tivo que pagar.
No caso do falso policía, a Alcaldesa mantén que o informe xurídico existe, que está no Xulgado, que o BNG non pode ter acceso o documento e di agora que foi elaborado pola Secretaría.
Teresa Barje (PP) continúa a gobernar o Concello de A Bola obstaculizando a cada paso o labor de oposición e control das dúas concelleiras nacionalistas. Despois de levar varios meses negándose a facilitar ao BNG a documentación toda do caso do falso policía local –a última vez ditando unha resolución en base a leis xa derrogadas, e insistindo na negativa unha vez o BNG sinalou o gravísimo erro¬–, a alcaldesa resístese agora a facilitar un expediente de reposición da legalidade urbanística de marzo pasado que afecta ás obras realizadas nunha propiedade particular en Podentes e do que o BNG solicitou copia.
Barje primeiro negou o acceso á información aducindo que as nacionalistas, malia a súa representación na corporación municipal, debían abonar unha taxa de 22,60 euros. Despois convocou o pleno a toda présa puidese utilizar a vía ordinaria para levar o asunto o pleno. E finalmente adiou a entrega do documento para datas posteriores á sesión que tivo lugar este martes, cando a portavoz nacionalista, Vanessa García, ingresou onte (luns) a cantidade correspondente para obter o expediente.
QUE OCULTA AGOCHANDO O EXPEDIENTE? O 4 de xaneiro deste ano, Teresa Barje solicitou un informe ao arquitecto municipal en relación a unhas obras nunhas parcelas particulares de Podentes que están incluídas na contorna de protección da Igrexia e do Cemiterio da Santa María. Cinco meses e medio despois, a alcaldesa non foi quen de explicar no pleno deste martes a razón desa solicitude. “Había informes técnicos e denuncia de parte”, dixo.
A continuación optou polas respostas evasivas.
“Que concluía o informe do arquitecto a respecto das obras nas tres parcelas avaliadas?”, preguntou a concelleira nacionalista. Teresa Barje contestou: “O expediente está en trámite e está en Patrimonio neste momento”.
Despois dixo que obriga ao BNG a pagar polo acceso ao expediente. “As copias teñen un prezo segundo a ordenanza municipal”, dixo. Vanessa García expresou a preocupación do BNG a respecto da actitude da alcaldesa e preguntou se “a partir de agora esta vai ser a súa forma de relacionarse co noso grupo?”. “Pediu copias, ten que pagalas. É o que procede coa ordenanza municipal en vigor e o programa de eficiencia enerxética”, dixo a alcaldesa da Bola.
O expediente, solicitado o día 31 de maio pasado, consta de 9 páxinas.
Teresa Barje tampouco contestou as seguintes interpelacións do BNG.
“O 2 de marzo deste ano, vostede incoou un expediente de reposición de legalidade; é dicir, abriu un expediente para pedir que as obras ou edificaciones se adapten á legalidade ou, en caso contrario, se proceda á súa demolición. Pode dicirnos se o propietario interpelado presentou a solicitude de licencia sobre as parcelas afectadas, e se esa solicitude está xa na Comisión Territorial de Patrimonio?”, solicitou Vanessa García.
“O expediente está en trámite. Respecte vostede a privacidade do resto dos veciños”, dixo Barje.
“No caso da outra parcela afectada, coñece a Alcaldesa se xa se procedeu á demolición das obras dado que estas se consideraban "non legalizábeis"?”, insistiu a concelleira do BNG.
Tampouco contestou Barje á cuestión.
O CASO DO FALSO POLICÍA QUE A ALCADESA NON SABE COMO PECHAR. “Vostede negounos dúas veces o acceso o informe xurídico que vostede, neste mesmo salón de plenos o pasado 30 de abril, dixo que estaba a disposición dos concelleiros. Realmente existe ese informe?”, preguntou a portavoz do BNG, Vanessa García, no pleno desta mañá.
“Existe, realmente, e está no Xulgado”, respondeu Teresa Barje, que non explicou porque se resiste a mostralo ao grupo nacionalista, a quen llo oculta de todas as maneiras posíbeis. “Está sub íudice, iso é o que di a Secretaría, cuestión técnica”, rematou a alcaldesa.
Meses despois de ter feito público que existía dito informe, sen mostralo e sen ter explicado a quen e cando llo encargou, Teresa Barje dixo esta mañá que o informe fíxoo “a Secretaria, como corresponde en dereito”.
A representante do BNG subliñou a continuación que presentará queixa diante da Valedora do Pobo pola continuada obstaculización por parte de Barje do labor do grupo nacionalista.
A nova en NÓS DIARIO: https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/bng-acusa-alcaldesa-bola-agochar-expediente-urbanistico/20210615183826123565.html?utm_source=social&utm_medium=whatsapp&utm_campaign=share_button