O BNG alerta sobre o abandono das instalacións da residencia da Bola
As hedras entraron nos corredores e nas habitacións da residencia de maiores da Bola. A vexetación invadiu os accesos e ameaza con estragar tamén o interior e o mobiliario e material como as cadeiras de rodas. O goberno municipal máis desleixado da historia do concello, cunha alcaldesa esgotada, sen forzas nin ideas, ten nese edificio o seu espello.
O BNG leva todo este mandato preguntando pola residencia, como se coida, cando vai comezar a rehabilitación, cando se vai poñer en funcionamento. Mais a estratexia da alcaldesa neste asunto é a mesma que en calquera outro: botarlles as culpas a outros e aprazar as solucións.
A residencia, como queda patente nas fotografías (realizadas a comezos deste ano), nin se coida nin hai indicio ningún de que se empece a coidar e, neste estado de cousa, é imposíbel imaxinar un futuro uso.
A residencia da Bola é unha historia de abandono, cartos que se perden e unha concesión feita as presas e chea de promesas aínda sen concretar.
A residencia que inaugurou o Goberno de coalición entre o BNG e o PSOE e que estivo en funcionamento durante tres lustros, clausurouse de mala maneira baixo o goberno do PP a finais do 2018, coa alcaldesa acompañada da Garda Civil para desaloxar á concesionaria anterior. Desde aquela pasaron 4 anos e 4 meses e das instalacións non botou man ninguén.
En marzo de 2021, a alcaldesa levou a pleno un investimento de 64.000 euros destinados en principio a facer obras na residencia baixo o epígrafe “proxecto de legalización e remate de obras na residencia”. Nada se sabe desas obras e dos 64.000 euros. O estado é o que é, e a día de hoxe o BNG non ten constancia de que nestes dous últimos anos se teña feito nada alí.
A finais de 2022, a alcaldesa anunciou a concesión da residencia a unha empresa privada, Consultorio Médico San Rosendo S.L., para a rehabilitación e futura xestión do centro. O compromiso era ampliar o número de prazas do centro até as 48 e poñelo en funcionamento antes de seis meses.
Mais en xaneiro de 2023 a residencia segue como se ve nas imaxes que acompañan a este comunicado de prensa. O edificio deteriorándose, aqueles 64.000 euros sen destino coñecido publicamente e a alcaldesa esperando ás eleccións para mover un dedo.
NOS MEDIOS
ourense dixital:
https://www.ourensedixital.com/_novas/23/01/25_02.htm
21noticias:
https://21noticias.com/2023/01/alertan-sobre-o-abandono-das-instalacions-da-residencia-da-bola/
ourense.com:
https://www.ourense.com/el-bng-alerta-sobre-el-abandono-de-las-instalaciones-de-la-residencia-de-a-bola/
la voz de galicia
faro de vigo
https://www.farodevigo.es/ourense/2023/01/26/bng-alerta-abandono-residencia-mayores-82000697.html