O concello deberá exhibir un cartel na zona de baño prohibido permanentemente da Bola segundo o novo programa de vixilancia
O novo Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño de Galiza 2022-2025, publicado pola Consellería de Sanidade a semana pasada, obrigará ao Concello da Bola a sinalar como zona de baño prohibido permanentemente a área recreativa do río Ourille. Esta prohibición permanente leva en vigor desde 2016 e, até agora, a Administración pública non viña fiscalizando a obriga do concello de informar e advertir aos usuarios. Co novo programa, a Administración deberá inspeccionar as zonas e, no caso de que non se cumpra a norma, advertirá por escrito aos concellos.
Despois de cinco anos consecutivos, entre 2011 e 2015, nos que as analíticas da Consellería de Sanidade indicaban unha calidade sanitaria “insuficiente”, a Dirección Xeral de Saúde Pública decidiu, no ano 2016, a prohibición permanente do baño nesa praia. A prohibición mantense a día de hoxe, seis anos despois. E está recollida en distintos documentos oficiais:
- No anexo IV dos sucesivos informes anuais técnicos sobre a calidade das augas de baño en Galiza. O último é de 2021.
- No Rexistro de Praias con Prohibición Permanente de Baño, da Dirección Xeral de Saúde Pública.
- No Mapa de zonas de baños de Galiza da Consellería de Sanidade.
Malia a existencia e publicidade destes avisos, o goberno municipal da Bola ignora sistematicamente, cada verán, a prohibición. E nos últimos anos non colocou cartel ningún, como esixe a normativa, de advertencia. É máis, na área recreativa hai carteis de información sobre a limitación do baño de animais, o que de maneira indirecta suxire a posibilidade de uso polas persoas. O BNG apela ás autoridades sanitarias galegas para que interveñan, en exercicio das súas competencias, nunha cuestión de saúde pública.
O BNG da Bola lembra que no recentemente aprobado PROGRAMA DE VIXILANCIA SANITARIA 2022-2025, no seu apartado 7.6, que atinxe ás zonas de baño eliminadas do censo por levar cinco tempadas de baño consecutivas con clasificación sanitaria insuficiente, dise:
“Nestas zonas de baño deberá haber un cartel recomendando non bañarse ou prohibindo o baño. Por este motivo, o corpo de FISP [Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública] realizará unha inspección ao inicio da tempada de baño en cada unha destas praias, na que comprobará que o cartel está exposto nun lugar facilmente visible. Cando non haxa carteis, redactarase un acta e dende as XXTTS [as xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade] comunicarase a situación ao concello responsable instándolle a sinalizar correctamente a zona de baño. Estas zonas de baño deben estar dadas de alta en Herme, porque forman parte deste programa de vixilancia, pero non computarán a efectos do censo oficial de zonas de baño”.
O BNG apela ás autoridades sanitarias galegas para que interveñan, en exercicio das súas competencias, nunha cuestión de saúde pública.
DENUNCIA EN PODENTES
A alcaldesa da Bola, Teresa Barje (PP), deberá responder mañá diante da xustiza pola denuncia dun veciño de Podentes a causa do desleixo da xestión municipal dunha fosa séptica na que verten vivendas e o centro de saúde.
Desde o BNG da Bola vimos denunciando nos últimos lustros o desleixo xeneralizado da alcaldesa e o goberno local na xestión das infraestruturas de saneamento público, obsoletas e insuficientes. Nestes últimos meses denunciamos problemas en núcleos como A Veiga, Cerdal, Sorga e Cacabelos.
LOITA DO BNG POLA EDAR
Este verán, o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, elevou ao Goberno do Estado a cuestión do atraso na construción da estación depuradora de augas residuais así como a mellora dos colectores de saneamento en varios núcleos.
O goberno da Bola e a Confederación Hidrográfica Miño Sil pásanse a pelota e, a día de hoxe, o noso é un dos concellos galegos cunhas infraestruturas máis deficientes, o que prexudica gravemente a calidade das nosas augas, poñendo en risco a saúde da poboación e do medio natural.
Información no FARO DE VIGO (Ed. Ourense) da visita á Bola do deputado do BNG, Néstor Rego:
https://www.farodevigo.es/ourense/2022/06/18/bng-solicita-gobierno-apoyo-nueva-67399096.html