O BNG demanda unha Oficina que oriente sobre as axudas en Celanova e cancelar e aprazar taxas municipais

Celanova Q3
As nacionalistas consideran que é o momento de revitalizar a praza de abastos e as feiras, e avogan por unha peonalización consensuada coa veciñanza e en base a criterios de saúde pública. 
O BNG demanda unha Oficina que oriente sobre as axudas en Celanova e cancelar e aprazar taxas municipais

O BNG de Celanova rexistrou a semana pasada unha moción sobre medidas económicas para debater no pleno deste mes (aínda sen convocar) na que demanda a creación dunha Oficina municipal de orientación “que informe e asesore ás familias, aos autónomas, ás traballadoras e traballadores sobre as axudas dispoñíbeis e os oriente na súa tramitación”. As nacionalistas vén imprescindíbel este servizo, e urxen a implementalo durante o mes xuño, para proporcionar á veciñanza unha información completa que permita a calquera cidadán identificar e entender á axuda máis axeitada ás súas necesidades entre a morea de disposicións que as diferentes administracións están a emitir estes días.


O BNG levará o pleno unha serie de 10 medidas específicas para Celanova que axuden a combater a crise e “que completen e melloren as iniciativas que cheguen desde outras Administracións”.

 

Rebaixas fiscais e axudas directas. As nacionalistas avogan por un acordo ambicioso que permita a cancelación ou aprazamento de taxas municipais; a rebaixa do tramo municipal do IBI ao 0% para os dous próximos anos “para todas as primeiras vivendas e vivendas en alugueiro e locais comerciais que o soliciten”;  a dotación dun fondo de axudas destinado aos autónomos para o pago de alugueiros, cotas e outros gastos derivados da necesaria adaptación da actividade ás novas circunstancias; así como destinar o gasto previsto para diferentes eventos “que non se van poder realizar” aos servizos sociais e aos fogares máis vulnerábeis.

 

Peonalización, si; pero consensuada e con criterios de saúde pública. Como medidas inmediatas na desescalada, o BNG propón consensuar coa veciñanza unha peonalización que necesariamente terase que facer en base a criterios de saúde pública. Aposta por “ordenar a peonalización de rúas durante un período de tempo determinado para garantir as medidas de distanciamento social”.

 

Revitalización da praza de abastos e das feiras. As nacionalistas demandarán no pleno municipal que se acelere a tramitación duns orzamentos para o presente ano “que permitan afrontar con garantías a situación de crise”; suxiren un plan de impulso das feiras dos xoves na vila e da praza de abastos: un espazo arquitectónico histórico, ben situado e dotado para o desenvolvemento da actividade comercial e no que segue habendo postos baleiros. Tamén piden recuperar a data do 29, do feirón mensual, reconvertendo o evento “para a promoción de producións alimentarias, artesanais e doutro tipo da comarca”. 

 

Plan económico galego e cambios normativos. O BNG presentará ademais 4 propostas que o nacionalismo levará ao resto das corporacións do país. Pide que o Concello de Celanova inste á Xunta de Galiza a iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación económica e un plan galego  de axudas; así como que desde a FEGAMP e a Xunta se esixa a derrogación da Lei Montoro para permitir que os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto, e que a corporación municipal rexeite calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais.

O BNG demanda unha Oficina que oriente sobre as axudas en Celanova e cancelar e aprazar taxas municipais