O concelleiro do BNG de Celanova renuncia ás dietas por pleno durante o que queda de ano

Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG en Celanova
Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG en Celanova
O concelleiro do BNG de Celanova renuncia ás dietas por pleno durante o que queda de ano

Leopoldo Rodríguez, o concelleiro do BNG de Celanova, renunciará a todas as asignacións por asistencia aos plenos da corporación municipal durante o que queda de ano. No pleno deste próximo xoves, día 25, Rodríguez comunicará a súa renuncia á dieta do pleno do sorteo das mesas electorais, celebrado a semana pasada, e á dieta deste primeiro pleno extraordinario. O concelleiro nacionalista solicitará que ese aforro, algo máis de cen euros brutos por pleno, se destine a gasto social do Concello de Celanova.

Suspender as festas da Encarnación e do San Roque

Neste primeiro pleno desde que se declarase a pandemia da covid19 a mediados de maio, o BNG de Celanova tamén pedirá da corporación municipal que se adopte unha decisión definitiva para suspender as festas da Encarnación e do San Roque en agosto. A asemblea nacionalista reunida a pasada fin de semana propuxo que durante o debate das mocións do BNG sobre medidas económicas, no punto 12 da proposta nacionalista, no que se propón “destinar o gasto prevista para diferentes eventos que non se van poder realizar aos servizos sociais” se acorde explicitamente á suspensión dos festexos, tal como aconteceu noutros casos de festas populares multitudinarias en diferentes concellos do país e do Estado, tendo en conta dúas circunstancias: 1) a necesidade de salvagardar a saúde pública, e 2) a necesidade de concentrar todos os recursos económicos susceptíbeis de ser reasignados na axuda social á veciñanza diante da crise económica que vén.

 

Celanova, 22 de xuño.

O concelleiro do BNG de Celanova renuncia ás dietas por pleno durante o que queda de ano