A Fiscalía interroga as traballadoras da residencia de maiores de Celanova

HADO residencia 2 xullo
Persoal do HADO completou os test a residentes e traballadoras este xoves 2 de xullo na San Carlos.
A Fiscalía interroga as traballadoras da residencia de maiores de Celanova

A Fiscalía de Ourense está a interrogar traballadoras e traballadores, tanto o persoal fixo como as contratadas durante os meses de marzo e abril, como parte dunha investigación sobre o que aconteceu na Residencia San Carlos de Celanova durante o brote de coronavirus no que foron infectadas 65 persoas, entre traballadoras e residentes, e do que resultaron 11 mortes (nove delas a causa da covid19). 

 

Segundo puido coñecer o BNG de Celanova, a Fiscalía completou a toma de declaración do persoal que actualmente está traballando no centro e están pendentes as declaracións de traballadoras de baixa ou que foron contratadas eventualmente durante a pandemia. Os interrogatorios son telemáticos e as traballadoras declaran desde o propio centro de traballo.

 

A actuación da Fiscalía de Ourense responde a unha demanda presentada o pasado 13 de abril en Cangas do Morrazo por Xosé Bernárdez, membro de Vellez Digna, colectivo que se integra na Federación Galega de Usuarios e Familiares de Residencias (REDE) contra “os propietarios, xestores e directivos” de 42 centros de maiores do país, entre eles, 13 da provincia de Ourense. A Fiscalía Superior de Galiza decidiu derivar a investigación a cada unha das fiscalías territoriais. 

 

O demandante advirte da vulneración, ao seu xuízo, dos artigos 195, 196, 229, 142, 142 bis, 147 e 152 do Código Penal, e sinala que nalgún casos, os falecementos na residencias (dadas) “as neglixencias cometidas de forma masiva e reiterada nas residencias (...) poderían deixar de ser consideradas mortes por imprudencia ou neglixencia e pasar a ser directamente homicidios”. 

 

O demandante, sinala, entre outras cuestións, “que os propietarios das residencias non socorreron aos residentes que se acharon desamparados e o non facelo os puxeron en perigo manifesto e grave”.

 

Últimas accións institucionais do BNG en apoio ás vítimas

O BNG de Celanova presentou no pleno municipal do pasado 25 de xullo unha moción que foi acordada por unanimidade e polo que a corporación se compromete a apoiar as accións que as familiares de usuarios da San Carlos leven adiante co fin de coñecer a verdade, e na que ademais se reitera o recoñecemento dos dereitos dos maiores a unha atención sanitaria digna e equitativa. Este mesmo xoves, a portavoz nacional do BNG, nunha xuntanza con familiares de usuarias afectadas en Ourense, volveu insistir en que as nacionalistas esixirán unha comisión de investigación sobre as residencias en canto se forme o próximo Parlamento galego.
 

A Fiscalía interroga as traballadoras da residencia de maiores de Celanova