MUNICIPAIS 28M
Gomesende Merece Máis
Gomesende merece un goberno que se preocupe por Gomesende.
Para fixar poboación é imprescindible contar cos servizos básicos, desde o saneamento e o abastecemento de auga até unha sanidade pública gratuíta accesíbel, dereitos de todas as veciñas e veciños. Para garantir estes servizos o BNG de Gomesende propón dúas medidas urxentes: aprobar un Plan Xeral de Ordenamento Municipal e crear unha Oficia Municipal de Asesoramento e Acompañamento, para dotar Gomesende dunha ferramenta de planificación territorial e dun instrumento de dinamización da economía, ao servizo de novos autónomos, pequena empresa, agricultores, gandeiros ou outras profesións.
O BNG de Gomesende propón dúas medidas urxentes: aprobar un Plan Xeral de Ordenamento Municipal e crear unha Oficia Municipal de Asesoramento e Acompañamento
É necesario que os servizos, todos, sexan accesibles para calquera veciño, independentemente da súa idade e condición física ou da súa capacidade económica. Para empezar, Gomesende precisa un sistema público de transporte que garanta ese acceso a todas e todos, unha rede a construír desde as demandas prioritarias como son os desprazamentos aos centros de saúde local ou comarcal.
Para empezar, Gomesende precisa un sistema público de transporte que garanta ese acceso a todas e todos.
É necesario recuperar, coidar e reactivar os equipamentos municipais, desde o Multiusos e as instalacións do colexio público ata os locais sociais, con programas en colaboración con entidades do Terceiro Sector dirixidas especificamente á xente maior e fomentando a sociabilidade a través deses espazos de reunión. Tamén con propostas para todos os públicos reactivando o ximnasio municipal, promovendo unha biblioteca municipal e un espazo público para o teletraballo. Unha intervención central no marco desta política debe ser a recuperación e reactivación da Antiga casa do médico na Casanova.
É necesario recuperar, coidar e reactivar os equipamentos municipais, desde o Multiusos e as instalacións do colexio público ata os locais sociais.
Para atraer poboación o BNG considera que Gomesende ten que aproveitar as súas potencialidades: a paisaxe e o medio natural, entre elas. A paisaxe e o territorio son elementos a ser respectados e preservados. Tamén a auga, un ben escaso, que esixe mudar modelos de xestión para ter en conta o problema cíclico da seca e a súa previsíbel agudización nos próximos anos. Hai que comprometer a todas as veciñas e veciños, empezando pola propia institución municipal, na co-responsabilidade no coidado destes bens.
A paisaxe e o territorio son elementos a ser respectados e preservados. Tamén a auga, un ben escaso, que esixe mudar modelos de xestión.
Gomesende ten que aproveitar a súa riqueza patrimonial. Desde o sarcófago da Pía da Moura até as celebracións tradicionais do Entroido merecen un traballo de investigación, catalogación e protección. Gomesende ten que expresar a súa propia personalidade, orgullosa do seu.
Gomesende ten que se re-inxerir nas dinámicas de intercambio coa comarca de Celanova e coas comarcas miñotas da Galiza e Portugal, tamén con personalidade propia, e o BNG de Gomesende traballará na posibilidade de recuperar a Feira do 23 no Nadal.