MUNICIPAIS 2023
Ana Pontón relanza o Bloque na Terra de Celanova
Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, animou ás candidatas e candidatos do BNG na Comarca de Celanova a traballar para que o 28M o Bloque mellore os resultados do 2019, consolide a súa presencia nos concellos e recupere a representación en Gomesende.
A lista de Gomesende, encabeza por Yolanda Arias, é a gran novidade desta convocatoria electoral. Arias regresa á primeira liña e faino cun compromiso firme: que o BNG volva ter voz en Gomesende e poida traballar por mellorar a vida das veciñas e veciños.
"Presentarme a estas eleccións foi a decisión máis meditada da miña vida. Analizando a situación de Gomesende e vendo que non había oposición ningunha, vendo que Gomesende vai esmorecendo pouco a pouco, que os servizos escasean, que a xente xa non ten ilusión por vivir nese lugar ao que eu chamo Paraíso, e vendo que había máis xente coma min que pensa que
Gomesende merece máis, que aínda o podemos revivir, xente que cree no rural... Pois así, co apoio das miñas compañeiras e compañeiros, formamos esta candidatura decidida a crear un novo proxecto para Gomesende", dixo Yolanda na súa quenda.
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación dos candidatos e candidatas aos concellos da comarca, entre os que se atopaban, ademais de Yolanda Arias, Manuel Ferro (Cartelle), Marcos Meléndez (Ramirás), Teresa Garrido (A Merca), José Antonio Pérez Valado (Verea) e Leopoldo Rodríguez (Celanova). Estivo ausente por motivos familiares a candidata na Bola, Vanessa García. A líder nacionalista advertiu que a comarca “perde poboación, pulso económico e dinamismo social”. E dixo: “Hai que darlle a volta a doce anos de retroceso no rural pola falta de ambición e de propostas do PP”.
“Tedes fronte a vós a un grupo de xente que estou segura que porá en valor o rico patrimonio desta comarca, porque aproveitar esa riqueza é crear emprego, é dinamizar o sector do turismo, é fomentar o comercio local e é revitalizar socialmente a a zona”, indicou a portavoz nacional, que chamou a non baixar a garda diante das ameazas ao territorio, sinalando ás eléctricas.
Falaron tamén os candidatos ás alcaldías de Cartelle, Manolo Ferro, que puxo en valor a experiencia do BNG na comarca, e Ramirás, Marcos Meléndez, cun equipo moi renovado e co que aspiran a gañar as eleccións. Falou Teresa Garrido, concelleira e candidata na Merca, das aspiracións da súa lista, cunha forte implatación no territorio e coas ideas moi claras. Falou José Antonio Pérez Valado, o alcades de Verea, que subliñou un traballo do BNG nestes catro anos de goberno que empeza a mudar o concello.
E falou Leopoldo Rodríguez, o candidato á alcaldía de Celanova, que empezou o seu discurso lembrando ao Lois Antón e a liña que vai do Curros ao Celso Emilio e ao Pepe Velo. "O espírito mozo e rebelde do nacionalismo galego está nos xenes do BNG. Vimos dunha tradición vigorosa e irreverente. Somos sempre vangarda. E miramos lonxe", dixo o candidato. E sostivo que "o BNG é a solución para Celanova. Temos ideas e sabemos escoitar; temos equipo e sabemos traballar. E a base de traballo, estamos a mudar a depresión en ilusión e futuro". Para concluír que "ese futuro pasa polo BNG e Celanova necesita unha pasada polo BNG".