A Merca aproba iniciativas do BNG para a potenciar a feira e acometer limpeza do Arnoia

Intervencións de limpeza no Arnoia a semana pasada.
Intervencións de limpeza no Arnoia a semana pasada.

Acordo unánime na corporación para adoptar medidas de mellora na seguridade e adecuación do emprazamento e promoción do evento nas redes sociais e medios de comunicación.

Tamén sae adiante, malia a abstención do PP, a proposta nacionalista para que o Concello impulse un plan de actuación sobre as ribeiras do Arnoia en coordinación con outros concellos para reparar infraestruturas e os danos nos ecosistemas.

A Merca aproba iniciativas do BNG para a potenciar a feira e acometer limpeza do Arnoia

”O goberno municipal da Merca xa ten sobre a mesa dous acordos municipais a executar en breve: a repotenciación da feira e intervir no Arnoia”, explica Teresa Garrido, portavoz do BNG e impulsora das mocións que serviron onte, 31 de marzo, para que o pleno da corporación debatese e acordase as dúas demandas.

 

As nacionalistas conseguiron un acordo unánime para impulsar a repotenciación da feira do 26 de cada mes. O acordo inclúe promover “a participación de produtores locais na feira, facilitándolle se fose preciso postos”, nun emprazamento “organizado dos postos, mellorando así a seguridade das persoas” e promocionando o evento “en redes sociais, web do concello, ou carteis polas distintas parroquias”, e mesmo considerando “un plan de transporte municipal o día da feira dende as parroquias e aldeas”.

 

Ademais, dentro do mesmo acordo, saíu adiante o compromiso para crear unha comisión de traballo para establecer e coordinar con outros concellos “un calendario mensual e anual de feiras nas comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova” co fin de unificar a normativa, taxas e horarios e crear unha marca das feiras, así como estudar a viabilidade dun servizo de transporte público comarcal para estes eventos. A Merca é a segunda corporación que aproba este texto do BNG, despois de que o fixera a de Celanova en decembro pasado.

 

As nacionalistas urxen ao goberno local a iniciar xa a implementación de medidas na próxima feira, prevista para o luns 26 de abril.

 


Polo que se refire ás melloras demandas no Arnoia, o BNG rexistrou a súa iniciativa o 10 de marzo despois de advertir a través das redes sociais desde febreiro da situación derivada pola crecida do río. O goberno do PP eludiu pronunciarse a favor das medidas propostas, e abstívose na votación, aludindo a unha moción que presentou na Mancomunidade en decembro. Aquela moción, como denunciou no seu momento o BNG comarcal, tentaba descargar a responsabilidade do goberno da Merca na xestión do servizo de auga -deixando sete meses sen auga potábel ás veciñas e veciños de todas as parroquias durante 2020- no Goberno central a través dunha reclamación á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.


A iniciativa presentada onte por Teresa Garrido demandaba cousas concretas e moi distintas. Porén, o PP abstívose e o acordo saíu adiante co apoio do PSOE.


Os grupos, incluído o popular, recoñeceron a necesidade de recuperar pontes e outras infraestruturas danadas, como vén solicitando publicamente o BNG.


O acordo reclamaba do goberno municipal unha intervención da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a limpeza do curso e das marxes, que xa empezou a executarse, e un plan de actuación sobre a ribeira do Arnoia en colaboración cos concellos ribeiraos e coa Mancomunidade coa finalidade de rexenerar o principal curso fluvial da comarca, e protexer unha área de alto valor ecolóxico e patrimonial”. Tamén, o texto demanda do goberno local que solicite da Xunta de Galiza a inclusión do río Arnoia entre os cursos fluviais destinatarios fondos europeos orzamentados para a recuperación de espazos naturais.
 

A Merca aproba iniciativas do BNG para a potenciar a feira e acometer limpeza do Arnoia