PLENO DA MANCOMUNIDADE (E III)
O PP fracasa en utilizar a Mancomunidade para lavar a cara á xestión da auga na Merca
O PP tamén fracasou á hora de lograr un apoio unánime do pleno a unha moción que o PP da Merca presentou para descargar a súa responsabilidade na xestión do servizo de auga -deixando sete meses sen auga potábel ás veciñas e veciños de todas as parroquias- no Goberno central a través dunha reclamación á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Os populares mesmo forzaron unha votación da súa proposta despois de que o pleno tivese votado adiar o debate do asunto para o seguinte pleno. Por parte do BNG, José Antonio Pérez Valado propuxo unha emenda na que ampliaba á reclamación do coidado dos ríos ao coidado dos servizos de abastecemento interpelando tamén á Xunta de Galiza, algo o que se negou o PP.
O alcalde popular de Cartelle e a alcaldesa en funcións da Merca insistiron en que se votase a moción do PP. O BNG e o PSOE -onde a alcaldesa de Ramirás recoñeceu que tamén teñen problema co arsénico e a culpa non lla botan á CHMS- abstivéronse, e Celanova Decide (CD) votou co PP.