O pleno de Celanova vota contra a suba da taxa da auga que esixe a empresa por contrato

Pleno extraordinario do 25 de outubro en Celanova (FILEminimizer)
Pleno extraordinario do 25 de outubro en Celanova.
O pleno de Celanova vota contra a suba da taxa da auga que esixe a empresa por contrato

Todos os grupos da corporación municipal de Celanova votaron este martes en contra da suba do 10% na taxa da auga para o 2023, despois dun debate no que o BNG marcou os termos da oposición a un contrato que cualificou de “leonino” e chamou ao resto de formacións a “ter a coraxe de enfrontar unha herdanza envelenada”, formar “unha fronte contra este atraco” e “armarnos para denunciar o contrato e tomar o camiño da re-municipalización da auga como ben público de primeira necesidade”.


A POSICIÓN CAMBIANTE DO GOBERNO. Celanova Decide e o PSOE, que forman a coalición de goberno, compareceron na sesión con posturas diferentes. A portavoz socialista empezou dicindo que o seu grupo absteríase, e finalmente anunciou o voto en contra da suba. O portavoz de Celanova Decide arrancou xustificando o voto favorábel por respecto ao contrato e rematou o debate avanzando o voto contrario. 


O PP RECLÁMASE COMO O PARTIDO DOS DESFAVORECIDOS. O goberno, que acusou á oposición de “electoralismo”, foise movendo segundo sopraba o vento das negativas. O PP, responsábel na etapa de Antonio Mouriño de asinar un contrato “vendeu o futuro a unha empresa a cambio de vaian vostedes a saber que...”, segundo advertiu o portavoz nacionalista, xustificou a súa oposición á suba asegurando que a súa política “sempre vai dirixida a beneficiar aos que menos teñen e aos que están a pasar unha situación máis complicada”. O autor da frase e o ex alcalde e deputado José Luis Ferro que en Compostela apoia as rebaixas fiscais de Rueda ao máis ricos e ás grandes compañías.

 

Vimos duns anos de empobrecemento e agora topámonos cunha inflación que nos empobrece aceleradamente aínda máis... e resulta que os efectos da inflación para as empresas tamén llos temos que pagar nós?, protestou o portavoz nacionalista.


ARGUMENTOS E VISIÓN DO BNG. Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG, lembrou no pleno que onte mesmo a prensa estatal publicou que a renda dispoñíbel das familias caeu no que vai de ano un 6%, é dicir, a metade do que caeu durante a gran depresión de 2008 a 2014. “O golpe que levamos nestes 10 meses do ano é xa a metade do que levamos naqueles seis anos de dura crise. Vimos duns anos de empobrecemento e agora topámonos cunha inflación que nos empobrece aceleradamente aínda máis... e resulta que os efectos da inflación para as empresas tamén llos temos que pagar nós?”. E preguntouse: “Que parte da inflación asume a empresa? Ningunha”.


O nacionalista tamén insistiu no pleno en que “a suba do recibo da auga nun 10% é un escándalo, un atraco aos petos das veciñas e veciños no que o Concello non pode ser cómplice. É a nosa responsabilidade como corporación, por iso convídoos a votar non a esta suba”, dirixíndose ao resto de grupos. 


E insistiu: “Se a inflación sobe, significa que con menos cartos temos que pagar a luz máis cara, a gasolina máis cara, o euríbor máis caro, o pan, a froita, o aceite, as patacas máis caras, a roupa e o calzado para os nenos máis caros, o dentista máis caro... e por riba agora veñen con que temos que pagar a auga máis cara”.


Rodríguez pediu que o goberno local deixe de “enterrar cartos en chapapote en aparcadoiros privados que están a piques de finalizar o período de alugueiro, de regar con chapapote pagado con cartos públicos os leira parks de amigas e amigos”, e use os recursos de todos para conseguir unha xestión pública do ben común que é a auga. 

O pleno de Celanova vota contra a suba da taxa da auga que esixe a empresa por contrato