O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia rexeita os dous proxectos de Greenalia nestas comarcas
COMUNICADO
O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia convida á veciñanza destas comarcas a se opoñer ao proxecto de instalación da Liña de Alta Tensión que cruza oito concellos da provincia de Ourense (seis deles: Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda, pertencentes a estas comarca), así como ao proxecto de instalación dun polígono eólico entre Bande e Verea, por seren infraestruturas con impactos moi severos sobre as augas, as turfeiras, os bosques, os animais e as plantas e, en xeral, á biodiversidade deste territorio, e por seren instalacións que atentan contra o noso patrimonio histórico e a nosa paisaxe, e tamén polos riscos que suporían para a saúde das persoas e o agravamento do problema da expulsión de poboación de aldeas e vilas do rural.
O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia considera que nunhas comarcas excedentarias en produción de enerxía eléctrica pola presenza de grandes encoros non está xustificada a necesidade social destas novas instalacións industriais, política que só obedece ao afán das grandes corporacións por controlar territorio e seguir espoliando os recursos do país para beneficio privado, coa colaboración e complicidade da Xunta de Galiza e outras institucións.
O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia apoiou e continuará apoiando na rúa e nas institucións o movemento social contrario aos proxectos en trámite nas nosas comarcas.
O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia, na liña do BNG a nivel nacional, vén solicitando a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación e insta a unha revisión e reformulación do Plan Sectorial Eólico para que a futura instalación de calquera infraestrutura deste tipo atenda a criterios de utilidade social, respecto á saúde das persoas e mantemento da biodiversidade e das riquezas patrimoniais e paisaxísticas de cada territorio, e sexa realmente participado pola veciñanza e incorpore instrumentos de xestión pública do recurso.
Nas nosas comarcas, o BNG Terra de Celanova-Baixa Limia apoiou e continuará apoiando na rúa e nas institucións o movemento social contrario aos proxectos en trámite: PE Monte da Neve (Verea-Celanova), do PE Fontesanta (Bande-Verea) e da LAT Lamas de Feás-Frieira (Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda), estes dous últimos, promovidos por Greenalia e a exposición pública desde onte xoves.
Celanova, 20 de maio de 2022.