O resto de grupos e o Padroado precisan tempo, mais non hai tempo que perder

RESIDEN SAN CARLOS NOV 2020 (2)
Residencia San Carlos, en Celanova.
O resto de grupos e o Padroado precisan tempo, mais non hai tempo que perder

O BNG decidiu non someter o pleno a moción na que solicitaba que o Concello de Celanova concedese a axuda de 72.000 euros que pide a Residencia San Carlos -golpeada pola crise da covid en marzo co resultado de 9 falecementos a causa do virus, e 65 persoas contaxiadas entre residentes e traballadoras, a maior crise de saúde pública na historia recente da vila- e designase a persoa que vai representar á corporación municipal no Padroado que rexe o centro de maiores.

 

O BNG pretendía facer efectivo o acordo adoptado por unanimidade pola corporación en setembro, despois de que a xunta xeral do Padroado respondese a aquel convite mostrando a súa disposición a convidar a familiares de usuarias e representantes políticos a formar parte do mesmo. Mais desde o mesmo día que o Padroado, coa sinatura do seu presidente, Cesareo Iglesias, rexistrou o 11 de novembro no Concello de Celanova un escrito de conformidade co convite, o BNG apreciou dúbidas entre o resto de grupos.

 

En especial, entre a Alcaldía e os seus socios socialistas, que NON informaron o resto de grupos e á veciñanza da predisposición do Padroado, eludindo o seu deber tanto co PP como co BNG que apoiaron o acordo de setembro, como coas familias e os propios membros da dirección da residencia.

 

O BNG fixo o que estaba na súa man para dar conta da predisposición do Padroado e deu a coñecer o substancial da resposta dos xestores da Residencia. E solicitou a todos os grupos avanzar mantendo a unanimidade na dirección que marca o acordado en setembro.

 

Un escrito publicado o martes no Facebook da Residencia San Carlos e asinado por Cesareo Iglesias, matizaba o acordado na xunta xeral do Padroado e solicitaba máis tempo para “modificar os estatutos” aprazando a incorporación de familias e novos membros da corporación á xestión do centro.

 

 

 

 

O BNG entende que o Padroado e os seus membros necesitan tempo para aclararse, que o PP e o grupo de goberno -inexperto e incapaz de dar resposta en oito meses a ningún asunto transcendente derivado da pandemia- tamén necesitan tempo para reafirmarse nas conviccións que están na base do acordo de setembro.

 

O BNG ten claro que é o que o Concello pode facer pola Residencia de Celanova: axudar economicamente para que se reforce a atención e axudar na xestión a un padroado que xa en marzo pasado mostrou carencias no goberno dunha crise. Nin as maiores nin as familias nin as traballadoras teñen tempo; nin a emerxencia sanitaria que estamos a padecer deixa demasiada marxe. O BNG pensa que non hai tempo que perder e por iso urxe falar disto en condicións de chegar a un acordo.

 

A RESPOSTA DAS FAMILIARES

Pouco despois de coñecer o escrito do Padroado do 11 de novembro, as familias sinalaron as carencias na atención que segue a padecer a Residencia San Carlos e reclamaron que parte da subvención municipal se destinase a "Contratar unha enfermeira máis até dotar o centro de atención especializada as 24 horas e durante toda a semana; contratar persoal para tarefas específicas de limpeza e lavandaría, que veñen sendo desenvolvidas polas auxiliares cunha carga de traballo que lles dificulta realizar co debido coidado o labor propio da súa cualificación; e contratar máis auxiliares para manter o nivel da atención nas novas circunstancias que impón a pandemia".

 

Naquel momento, desde REDE, a asociación galega de familiares de usuarias, existía a confianza "en que o acordo se faga efectivo canto antes e que se establezan uns criterios aceptados por todas as partes para a elección dos representantes das familias e da corporación municipal".

 

O comunicado do presidente do Padroado, un día antes da celebración do pleno do 25 de novembro, atrasará os acordos.

O resto de grupos e o Padroado precisan tempo, mais non hai tempo que perder