Sanidade xa ordenou á alcaldesa de Ramirás unha medición mensual dos niveis de arsénico nas aguas
Isabel Gil (PSOE), alcaldesa de Ramirás, médica no PAC de Celanova, que ocultou información ao Concello, á Corporación municipal e á veciñanza das parroquias afectadas sobre a detección de altos niveis de arsénico en augas de abastecemento doméstico, terá que responder nos próximos días a unha requisitoria da Consellería de Sanidade tras unha inspección realizada o 11 de xuño deste ano.
Despois de que o BNG de Ramirás denunciou a ocultación de dos resultados de dúas análises que Gil encargou, pagou o Concello e recibiu ela persoalmente nun sobre fechado sen pasar polo Rexistro municipal, en declaracións hoxe a La Región, a alcaldesa volveu mentir dicindo que eses informes -nos que se advirte de concentración de arsénico por riba do límite legal en augas para consumo humano- figuraban no expediente municipal que solicitaron as nacionalistas, cando é público e notorio que non foron entregados até o remate do pleno do pasado xoves despois das protestas do edil nacionalista, Marcos Meléndez.
Entre outras cuestións, a inspección da Consellería de Sanidade advirte que é obriga do servizo de abastecemento de auga do Concello de Ramirás “determinar el arsénico en la red con una frecuencia mínima mensual”, dados os “reiterados incumprimentos” deste valor paramétrico “a lo largo del tiempo y la obligación de incluirlos como parámetros adicionales en todos los análisis de control”.
A inspección de Sanidade achaca o Concello de Ramirás que non se teña axustado os seus protocolos de autocontrol e xestión do abastecemento á Guía ministerial, e sinala que o actual goberno municipal tampouco atendeu as requisitorias realizadas ao Concello en marzo e maio de 2019. Precisamente, Isabel Gil fixo bandeira durante a campaña das municipais do ano pasado do seu compromiso para solucionar os problemas do servizo de augas, re-municipalizado no ano 2015 despois de que caducase a concesión e por acordo dos grupos.
A inspección alerta de que os protocolos de Ramirás non contemplan como potencialmente perigosos para a saúde humana os altos niveis de arsénico (tampouco o fan no caso do ferro, onde análises do mes de xuño realizados pola compañía de explotación hidroeléctrica das presas do Tuño advirten niveis por riba dos 200 μg/l -microgramos por litro- superiores os parámetros máximos que marca a OMS).
Faltan datos e non está prevista alternativa
O informe da inspección da Consellería de Sanidade tamén detecta erros ou omisión nos datos que Ramirás ten a obriga de proporcionar o SINAC (Sistema de Información Nacional de Aguas de Consumo), dependente do Ministerio de Sanidade. En concreto, as deficiencias sinaladas refírense a información sobre a captación, a rede de distribución e o tratamento das augas, que non están notificados ou que son “incoherentes”. Tamén subliña os atrasos na notificación de análises ao SINAC.
Malia que informes deste mesmo verán da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e de Aprovechamientos Hidráulicos Gallegos, S. A., a concesionaria das presas no Tuño, así como as análises realizadas pola Farmacia Ortega e que a alcaldesa tratou de agochar o Concello e a Corporación, tal como denunciou onte o BNG de Ramirás a través do seu voceiro municipal, Marcos Meléndez, veñen mostrando altas concentracións de arsénico nas augas das que se abastece parte da poboación de Ramirás, a inspección de Sanidade sinala que os protocolos do servizo seguen sen incluír “el suministro alternativo ante situaciones de riesgo sanitario en relación a la calidad del agua de consumo humano”, como estipula o artigo 11 da lei 9/2009 ao que fai mención no informe da inspectora.
Sanidade rexeitou a concesión dunha prórroga, tal e como reclamou a Alcaldía o día 10 de xullo para corrixir erros e omisións de información, e o día 15 apurou o goberno municipal a resolver nun prazo de 15 días.