Trato de favor na selección para un obradoiro da Mancomunidade de Celanova

Mancomunidade Terra de Celanova. Imaxe BNG (2)
Mancomunidade Terra de Celanova.

Varias aspirantes presentaron reclamacións por irregularidades na puntuación dos méritos.

As candidatas quéixanse do escaso prazo para reunir a documentación requirida, e aseguran que a parte subxectiva do proceso –unha entrevista persoal - decidiu quen entra e quen se queda fóra.

O tribunal estivo composto por persoal da Mancomunidade e persoas elixidas pola propia entidade.

Trato de favor na selección para un obradoiro da Mancomunidade de Celanova

O BNG levará ao próximo pleno da Mancomunidade Terra de Celanova e aos plenos dos concellos afectados as denuncias por irregularidades no proceso de selección do alumnado do obradoiro de emprego Ecoterras, que se resolveu entre o luns e o venres da semana pasada.


As irregularidades denunciadas por varias candidatas producíronse en todas as fases do proceso. Houbo atrasos ao principio, na comunicación ás aspirantes (algunhas non foron avisadas até o mércores, día 6 de outubro), o que dificultou en moitos casos que puideran reunir a documentación a presentar como “currículo socio-laboral”, a parte obxectiva da selección, tres días despois.


Houbo dificultades ao final, no momento de reclamar os resultados, xa que se estableceu un prazo de tres días naturais, do sábado 9 ao luns 11, cando a Mancomunidade non ofrece atención presencial durante a fin de semana. Na resposta, a Mancomunidade non ofrece explicación ningunha a respecto das razóns polas que rexeita todas as reclamacións.


As situacións máis graves e que máis preocupan ao BNG teñen que ver coa fase de entrevista, a parte subxectiva da selección. A diferencia de anos anteriores, o tribunal foi nomeado pola Mancomunidade.


Estivo composto por José Luis Santalices de la Escosura Mourelle (presidente), Lucas Hermida Armada (secretario), Eva Rodríguez, Víctor Manuel Seijo e Manuela Bande (vogais).


Santalices de la Escosura e Hermida Armada foron, respectivamente, os encargados das entrevistas e da recollida da documentación. Os procesos (entrevista e formulario de documentación) desenvolvéronse ao mesmo tempo con cada unha das aspirantes.


Nalgúns casos, a entrevista en si apenas durou un minuto. Na maioría, non pasou de cinco minutos. Santalices de la Escosura preguntou ás aspirante como pensaban aproveitar á aprendizaxe do obradoiro, se dispuñan de vehículo propio, se sabían manexar unha máquina de rozar. Este tipo de preguntas como método de avaliación provocou as protestas de varias candidatas. O BNG non entende de que maneira se poden avaliar “o interese, as aptitudes, actitudes e capacidades” (tal e como recollen as bases) dun aspirante a través dun cuestionario como ese.
 

ENTREVISTAS QUE OUTORGAN PRAZAS

Ao fin, a valoración da entrevista serviu para mover algunhas posicións establecidas na puntuación que obtiveron as aspirantes co “currículo socio-laboral”. No caso de Celanova, que tiña concedidas catro prazas no obradoiro, o tribunal valorou con 11 puntos o resultado da entrevista cunha candidata que por méritos figuraba na sexta posición, mais esta puntuación serviulle para adiantar dúas candidatas que recibiron tres puntos menos.

 

Na práctica, a persoa seleccionada recibiu un 40,7% dos seus puntos a través da entrevista. As dúas persoas eliminadas, o 30,7% e o 32%, respectivamente.

 

No caso da Merca, con tres prazas no obradoiro, dúas das persoas finalmente seleccionadas obtiveron as máximas puntuacións rexistradas na entrevista (12 puntos sobre 13), superando desde modo a outras tres candidatas con máis puntuación nos méritos acreditados. Estas dúas aspirantes seleccionadas obtiveron o 42,8% e o 41,3% da súa nota a través da entrevista.

 

En Cartelle, tres puntos de diferencia na entrevista decidiron unha das tres prazas. En Verea e Gomesende tamén decidiu unha praza en ambas. 
 

QUEIXAS NA RECOLLIDA DO CURRÍCULO E FALTA DE INFORMACIÓN

Algunhas queixas tamén fan referencia á outra parte do proceso, a puntuación do currículo. Neste caso os criterios figuraban nas bases e eran moi precisos. Concedíanse 4 puntos a determinado grupo de idade (18 a 29 anos), aos non perceptores de protección por desemprego, aos desempregados de máis longa duración e con menor categoría profesional.


Algunhas reclamacións teñen que ver con documentos acreditativos que non se tiveron en conta, mais tamén houbo casos de aspirantes que non chegaron a tempo, cun prazo tan escaso, de presentar toda a documentación da que dispuñan. E outras que, por culpa de cambios normativos nos que a acreditación da Xunta é válida pero non a do Estado, non puideron sumar eses méritos.


En xeral, as aspirantes sinalan que houbo un atraso considerábel á hora de advertir do proceso de selección e que as bases só estaban accesíbeis na propia sede da Mancomunidade. Nin no Facebook da entidade nin na portada da web estivo esa información a disposición da veciñanza durante a semana pasada.


As bases da convocatoria entraron no rexistro electrónico o 27 de setembro, unha semana antes de que se empezara a avisar á maioría das aspirantes. Algunha das candidatas recibiu a carta da convocatoria esta semana; é dicir, unha semana despois de que tivese lugar o proceso.

 

PERSOAS VULNERÁBEIS

“O goberno caciquil do clan Cortés volveu actuar con total desprezo polas normas de obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación que a Mancomunidade reflicte nas bases da propia convocatoria. José Antonio Pérez Cortés segue repartindo prebendas a conta dos cartos públicos; nesta ocasión a conta da Xunta e do Ministerio de Trabajo do Goberno do Estado”, critica o responsábel comarcal do BNG, Manuel Ferro.


O portavoz nacionalista advirte que moitas das aspirantes son persoas en situación de vulnerabilidade e que concursos como este, que presentan numerosas irregularidades e ofrecen dúbidas a respecto da obxectividade dos membros do tribunal, engaden máis sufrimento e sensación de desamparo estas persoas. 

Trato de favor na selección para un obradoiro da Mancomunidade de Celanova