CARTELLE
O BNG de Cartelle propón un fondo municipal para axudar aos autónomos
O BNG de Cartelle rexistrou una moción sobre medidas económicas para o seu debate no próximo pleno municipal na que insta a elaborar “de maneira urxente” uns orzamentos que permitan afrontar a crise que vén, e na que propoñen, entre outras medidas, “dispoñer un fondo de axudas destinado aos autónomos para o pagamento de alugueiros, cotas e outros gastos derivados da necesaria adaptación da actividade ás novas circunstancias”.
O BNG presentará en Cartelle varias iniciativas que está levando a cabo no resto dos concellos do país que teñen como obxectivo recuperar a capacidade da administración local para despregar a súa capacidade de actuación. Así, piden as nacionalistas a derrogación da lei Montoro que establece un límite de gasto para os municipios e insistirán diante da corporación para que se opoña a “calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais”.
No ámbito galego, o BNG de Cartelle insta á corporación a demandar da Xunta de Galicia un plan de axudas e un plan de reactivación económica.
IBI e outras taxas
A moción a debate tamén inclúe medidas compensatorias e de apoio á veciñanza para os próximos meses. O BNG solicita que o Concello de Cartelle revise diferentes taxas e impostos municipais, ente eles, o IBI, coa intención de rebaixar o tramo municipal durante os dous próximos anos “para todas as primeiras vivendas e vivendas en alugueiro e locais comerciais que o soliciten”.
Tamén se propón “estudar a posibilidade de cancelar taxas municipais” e “dar facilidades mediante medidas de pagamento fraccionado ou aprazamentos”. As nacionalistas apostan ademais pola creación dunha oficina municipal de orientación que informe e asesore ás familias e destinar o gasto previsto para eventos “que non se van poder realizar” aos servizos sociais.