Canto vale a palabra deste alcalde?
Despois das eleccións de maio de 2019, o BNG entendeu que se abría unha porta o cambio na política municipal de Celanova despois de décadas de gobernos de dereita anquilosados no caciquismo. O BNG facilitou a investidura de Antonio Puga como alcalde, mais condicionou ese apoio a unha serie de acordos que se asinaron o 7 de xuño daquel ano. Entre os acordos, está o compromiso do goberno municipal de aplicar a lei de memoria histórica en vigor (a norma estatal de 2007) sobre o símbolo máis notorio da exaltación do franquismo na nosa comarca: o monumento levantado no Monte da Obra.
Agora, case dous anos despois, e cun informe rotundo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sobre a mesa, e co respaldo á demanda de aplicación da lei de intelectuais como Méndez Ferrín, Alonso Montero, Manuel Rivas, María Xosé Queizán e Margarida Ledo, de historiadores como Núñez Seixas, Aurora Marco ou Fernández Prieto, entre un medio cento de académicos e investigadores, co apoio de máis de setenta asociacións e colectivos de memoria, de xuristas, escritores, artistas, docentes e cidadanía en xeral, o alcalde négase non só a aplicar a lei (algo que podería ter feito de oficio) senón mesmo a que se debata no pleno unha moción rexistrada polo Comité e que lle foi presentada a el e o seu grupo de goberno.
Negar o debate non vai cancelar o debate nin a demanda do movemento memorialista galego e dos demócratas de todo o país
O alcalde négase malia que os líderes do BNG, Ana Pontón, e do PSOE, Gonzalo Caballero, mostraron desde o primeiro momento un respaldo explícito das dúas formacións. O alcalde négase malia que accedeu á Alcaldía cun compromiso co BNG e goberna co PSOE como socio.
Negar o debate non vai cancelar o debate nin a demanda do movemento memorialista galego e dos demócratas de todo o país, só vai situar o alcalde de Celanova no indigno papel de testaferro do franquismo, no mesmo papel que desempeñou a dereita caciquil na vila durante durante os corenta anos seguintes á morte do ditador.