DIARIO DO BROTE DO COVID19 EN CELANOVA. 33º DÍA
Realidades que emerxen e advertencias sensatas
(1)
Partidos políticos e xornais comparten a súa orixe na necesidade de expresión da sociedade civil e desenvolvéronse en paralelo axudando a elaborar a opinión pública como un dos piares da democracia. O pluralismo de partidos e medios de comunicación sostén ás sociedades democrática máis vizosas. Desafortunadamente, convertidos en instrumentos de promoción dos intereses corporativos de determinadas elites, os xornais veñen contribuíndo a estreitar o campo de debate. Na práctica, neste país viviriamos baixo un réxime de partido único, tamén fóra do ámbito parlamentar, de non ser pola fenda que novas formas de comunicación social abriron no sistema de medios.
Vén isto a conto do acontecido esta semana no caso da emerxencia sanitaria na residencia de maiores de Celanova.
O xoves, día 16, as familias dos residentes lanzaron unha alerta a través das redes sociais que se apoiou no discurso de denuncia que asumiu a Federación Galega de Usuarios de Residencias: o abandono. Un abandono máis evidente se cabe no caso de Celanova dado que transcorreu xa un mes desde a detección do brote. Só o BNG se fixo eco nas súas redes sociais do chamamento das familias [nin os partidos que fan parte do goberno municipal nin a oposición do PP contribuíron a difundir a alerta]. Só medios dixitais do país e as axencias informativas e a título individual algúns xornalistas nas súas redes sociais axudaron a facer pública a demanda. Mais foi suficiente, e pola fenda emerxeu a denuncia das familias convertendo en clamoroso o silencio doutros e os intentos de agochar a realidade da situación baixo unha pía de mentiras.
(2)
Onte sábado foi o BNG de Celanova quen denunciou a realidade da situación na residencia. Resultado dunha xestión caótica e que pon en risco a saúde de pacientes e traballadoras, o SERGAS devolveu durante a semana un paciente con covid19 á residencia. O BNG alertou sobre o perigo. De novo, as axencias e medios dixitais deron voz á denuncia dun feito contrastado e contrastábel. O SERGAS decidiu primeiro eludir a resposta (“non consta” tal traslado, contestou a EFE; e despois de que se publicase a información, respondeu “desmentindo” ao BNG). O SERGAS elixiu non contrastar e utilizar a súa autoridade para impoñer unha mentira. Houbo medios que só recolleron a información do SERGAS. Entre o resto de partidos con representación na corporación municipal de Celanova volveu imperar o silencio.
Pero pola fenda das redes sociais, das axencias, de pequenos medios de información que suplen as carencias de persoal cunha vontade e respecto polo papel unha democracia vizosa esixe dos medios, por aí volveuse colar a verdade.
(3)
Hai xusto unha semana, o BNG de Celanova fixo outra intervención pública para advertir do risco que se corría ao pretender reincorporar ás 18 traballadoras que estaban de baixa por covid19 sen facerlles o test de contraste. Ao día seguinte, unha casualidade permitiu descubrir que as prevencións eran sensatas. Onte mesmo soubemos que polo menos 6 –é dicir, un terzo– desas traballadoras seguen estando infectadas polo virus.
Sirvan estas reflexións para contestar ás críticas (a maioría, con boa intención) e aos receos que xera en parte da veciñanza a intervención da política en asuntos como o brote de covid19 na Residencia San Carlos. É función dos partidos desenvolver o control da actuación da Administración, non só é unha obriga constitucional, tamén é un deber ético, maior cando unha Administración pública como no caso de Celanova deixa de cumprir o seu labor e non atende unha emerxencia na que está en xogo a saúde, mesmo as vidas, de persoas. Ficar calados non é unha opción, e os feitos, desde o principio da crise, demostran que as nosas advertencias, todas, eran sensatas e acaídas.
DIARIO 29º DÍA. Cambios nos protocolos por contrastar e afirmacións gratuítas de Rubial