As traballadoras da axuda a domicilio da Mancomunidade non están a cobrar os desprazamentos

Sede Mancomunidade Terra de Celanova. Dezembro 2019 (2)
Sede Mancomunidade Terra de Celanova.

O BNG recolleu testemuños de traballadoras que din que levan meses sen cobrar a quilometraxe e non teñen outra opción que utilizar o seu propio vehículo.

 

As traballadoras non denuncian por medo a que as boten fóra da lista e deixen de chamalas, “tal é a discrecionalidade coa que se xestiona o servizo”, sinala un portavoz do BNG.

As traballadoras da axuda a domicilio da Mancomunidade non están a cobrar os desprazamentos

Os representantes do BNG pedirán explicacións no pleno da Mancomunidade Terra de Celanova deste martes 28 de xaneiro a respecto das denuncias de traballadoras do servizo de atención a domicilio de que levan anos sen cobrar o pagamento por quilometraxe, cando están a utilizar os seus vehículos particulares para os desprazamentos de traballo e ese pagamento figura no convenio colectivo que regula a súa actividade como traballadoras da Mancomunidade.

 

As nacionalistas interpelarán ao presidente da entidade para coñecer desde cando se leva incumprindo o convenio, quen é a persoa responsábel de que o convenio se incumpra e que medidas vai tomar o goberno da Mancomunidade sobre a denuncia pública do incumprimento da normativa laboral, que as nacionalistas constataron a través dos testemuños das traballadoras nos que ademais se evidencia o medo a emprender este tipo de denuncias por elas mesmas ou da representación sindical diante das temidas represalias por parte dos responsábeis da Mancomunidade.

 

O BNG lembra que o convenio de axuda a domicilio da Mancomunidade é de 2010, publicado con data do 16 de febreiro dese ano e prorrogado no 2014. E sinala que no artigo 43 do texto se regula o denominado “complemento de distancia” a respecto dos gastos de desprazamento das traballadoras ás que non se lles facilita vehículo de empresa. O importe inicial era de 0,18 euros por quilómetro no caso de utilizaren vehículo propio. Esa cantidade elevouse un céntimo de euro na actualización do convenio. 

 

700 quilómetros ao mes, máis de 1.000 euros ao ano

Mais, desde hai uns dous anos, segundo o testemuño de traballadoras, a Mancomunidade deixou de abonar as cantidades correspondentes. Nunha pregunta oral nun dos primeiros plenos deste mandato a finais de 2019, o presidente da Mancomunidade recoñeceu que non se abonaba o quilometraxe e que “canto hai remanente” se lles daban cartos “para o combustíbel”.

 

Hai traballadoras que fan 700 quilómetros ao cabo do mes, segundo os testemuños recollidos. É dicir, asumen unha perda de 133 euros; máis de mil euros ao cabo do ano.

 

O BNG advirte que esta práctica de “discrecional de dádivas” non só é ilegal senón que afonda na estrutura caciquil do goberno da Mancomunidade. Un dos portavoces nacionalistas, o concelleiro de Celanova, Leopoldo Rodríguez, lembra que na actualidade hai 39 traballadoras, todas mulleres, na lista do servizo de axuda a domicilio, “e a maioría non se atreven a denunciar para non verse fóra desa lista”.

 

Consecuencias se se incumpre a lexislación

A atención a domicilio, sinala Rodríguez, “é un dos tres servizos que xustifican a existencia da Mancomunidade, xunto aos de limpeza e bombeiros, e recibe uns 400.000 euros de subvención da Xunta”. “Queremos información clara a respecto das condicións nas que se está prestar”, insiste, “e se se incumpre a lexislación laboral, terá que haber consecuencias”.

 

Finalmente, Rodríguez subliña que o que sucede coa atención a domicilio é “un indicador moi claro da mala organización da Mancomunidade, que segue sen ter unha RPT, e na que se tende a deitar a responsabilidade da calidade na prestación cada vez máis sobre as traballadoras e, neste caso, tamén sobre os seus petos”. 
 

As traballadoras da axuda a domicilio da Mancomunidade non están a cobrar os desprazamentos