Aldraxe a Curros en Celanova
O Bloque Nacionalista Galego de Celanova esixe ao goberno municipal que ordene a retirada da carpa que cubre a estatua de Curros Enríquez inaugurada en 1951, ano do centenario do nacemento do poeta, nos xardíns fronte a Alameda.
O BNG, que en xaneiro de 2020 xa lanzou unha proposta para unha ordenación do uso do espazo público da vila diante da descontrolada ocupación do mesmo, considera que a autorización para cubrir o xardín que acolle a estatua de Curros e que fai parte dun único conxunto arquitectónico que honra ao poeta é unha mostra do desleixo intolerábel deste goberno municipal a respecto do patrimonio histórico e cultural de Celanova.
Desde o BNG de Celanova agardamos desde hai tempo unha reacción desde o goberno municipal do Concello de Celanova fronte a estas agresións continuadas ao patrimonio histórico cultural da vila. Mais o propio alcalde que consinte a desfeita continuada e o plenipotenciario técnico de cultura que deberían ser os primeiros en traballar pola conservación do patrimonio calan e consenten.
O encerro do monumento a Curros Enríquez, esta ‘embestida’, debería alertar a todas as veciñas e veciños de Celanova.
Máis alá de gustos e excesos na decoración pública destas datas, ou do uso indiscriminado do Claustro Barroco para actividades que deberían ter acubillo noutros espazos, ou do beneplácito do goberno de coalición CD-PSOE coa indiscriminada ocupación de lugares públicos sen abordar regulación ningunha, a actuación no xardín e na estatua de Curros Enríquez é unha mostra da desconsideración absoluta polo legado histórico cultural e un desprezo ao dereito á cultura e ao patrimonio de toda a veciñanza de Celanova, alén dun disparate desde o punto de vista da promoción da vila como referente cultural.