O BNG propón unha reunión para corrixir erros na precipitada peonalización
As nacionalistas piden que o alcalde informe e escoite aos grupos e ás veciñas directamente afectadas e deteña o plan mentres non se estuden, analicen e corrixan os erros.
O BNG advirte que ao goberno local que non conta co apoio de boa parte do comercio e da veciñanza a unha media que presentou como humanización pero que só atende a unha idea: meter aparcadoiros próximos ao centro.
Leopoldo Rodríguez, portavoz nacionalista en Celanova, advirte diante de situacións inxustas como a que sufre un negocio de alimentación que se ve convertido “nunha rotonda” pola mala planificación e as présas do goberno local.
“Que tipo de humanización é esta que non atende en primeiro lugar ás demandas e necesidades de mobilidade da veciñanza?”, pregúntase o portavoz do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez. “Que tipo de medida pretenden facer pasar por unha humanización cando a única idea é levar os coches o máis cerca posíbel do centro, aínda que sexa a costa de intensificar o tráfico rodado por rúas sen beirarrúas?”.
O BNG de Celanova solicita que o alcalde convoque inmediatamente aos grupos da corporación e a veciñanza, comercio e hostalaría directamente afectados polos cambios do tráfico e usos nas rúas da contorna da Praza Maior.
O BNG pediu por rexistro hai unha semana os expedientes municipais das obras e contratos de arrendamento de fincas para o aparcadoiro de vehículos, así como o estudo municipal encargado a unha empresa privada en decembro pasado, e os informes do arquitecto municipal e da policía local que fan parte do expediente do que se presentou como Proxecto de humanización do casco histórico para fomento do turismo. Documentos que o BNG non recibiu nin foi informado.
O BNG advirte ademais ao goberno municipal que tanto o proxecto –pensado desde o mesmo encargo desde a óptica da turistificación e de favorecer o acceso do vehículo privado ao centro– como a súa aplicación precipitada está a producir un malestar evidente entre a veciñanza e un sector do comercio da vila.
As nacionalistas lembran que a maioría dos comerciantes agrupados en Celanova Chea se manifestaron contrarios ao proxecto nunha enquisa realizada pola asociación o mes pasado que deu como resultado un 54% de votos contrarios á medida. A pregunta realizada pola directiva aos socios evidencia a alarmante falta de información a un colectivo clave de afectados. Celanova Chea preguntou aos seus asociados nos seguintes termos: “Estas de acordo coas medidas de peonalización e cambio de sentido das rúas publicado polo concello na prensa?”.
“É unha vergonza que nin os grupos, especialmente o BNG, que leva meses, xa desde antes da pandemia, facendo chamamentos a un gran debate sobre o uso do espazo público, nin as veciñas e veciños nin o comercio tan sensíbel este tipo de intervencións teñan recibido información ningunha do concello”, lamenta Leopoldo Rodríguez. “Aínda estamos a tempo de poñer freo á desfeita e evitar algunhas inxustizas e danos graves contra a viabilidade dalgún negocio que están a piques de se producir”.
O concelleiro e portavoz do BNG sinala en concreto o caso dun negocio de alimentación na estrada da Obra pola que está previsto que entren e salgan do aparcadoiro os coches, que queda convertido “nunha rotonda”. Os propietarios quéixanse das dificultades para continuar realizando tarefas de carga e descarga, continuadas e imprescindíbeis para o funcionamento do negocio, así como do obstáculo que suporá o aumento do tráfico rodado no acceso tanto o despacho público como ao garaxe do negocio.
Segundo fontes do colectivo de comerciantes, as respostas que recibiron a día de hoxe desde o concellos foron dúas: que fagan a carga e descarga “máis rápido”, e trasladar as tarefas de carga e descarga “a outra rúa”.
SOLUCIÓNS
O BNG ponse a disposición do goberno local e do grupo popular para esa reunión de urxencia na que reclamará solucións inmediatas para este caso e outros problemas que van aparecendo –como os obstáculos para a mobilidade peonil o a falta de adecuación de beirarrúas que xa denunciaron os nacionalistas nas redes e na prensa esta semana–.
O BNG centrará as súas propostas en tres liñas:
- Que se difunda información clara o proxecto e os plans do goberno municipal a toda a veciñanza, e se expliquen as motivacións e obxectivos de todo o proxecto.
- Que se escoite ás veciñas, comerciantes, hostaleiras e demais afectados, e se teñan en conta as súas demandas á hora de deseñar un novo proxecto.
- Que se adecúe o plan ás posibilidades reais da vila e se emprendan melloras en aspectos previos a calquera proxecto de humanización, empezando pola ordenación urbana.
“Pensamos que non convén empezar a casa polo tellado nin as humanizacións polos aparcadoiros”, resume o portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez. “A casa empézase polo PXOM”.