VISITA DA PORTAVOZ NACIONAL DO BNG Á COMARCA E ENCONTRO COA MILITANCIA

Ana Pontón en Celanova e Verea: promoción económica, coidados e medio ambiente

Ana Pontón en Celanova 10.02.22 (3)
Ana Pontón, en Celanova.

Revitalizar o sector agrogandeiro, recuperación do patrimonio monumental e natural como impulsor do turismo, claves para esa dinamización.

O BNG está a favor da peonalización, “pero hai que facela ben e desde o diálogo”, recalca, e pon como exemplo a seguir o modelo de éxito de Allariz.

Defende un modelo eólico respectuoso co medio e que xere beneficio social, fronte ao modelo depredador de Feixóo a favor do lobby eléctrico.

Ana Pontón en Celanova e Verea: promoción económica, coidados e medio ambiente

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou sendas visitas a Celanova e Verea para coñecer de primeira man as necesidades destes concellos e da comarca de Terra de Celanova-Baixa Limia, da que destacou o seu “enorme potencial” pero que está quedando atrás “como consecuencia do desastre que deixan as políticas do PP”,  que frean a puxanza de sectores como o agrogandeiro ou o turístico coa posta en valor do patrimonio monumental da zona.

“A realidade é que a comarca e un concello como Celanova que debe ser referente foron cara atrás”, lamentou, “e no BNG temos claro que hai que potenciar Celanova e o conxunto da comarca apostando por un desenvolvemento sustentable que permita xerar riqueza, emprego, dinamismo económico e social e poña freo a problemas tan graves como o despoboamento no social ou os lumes no ambiental”, explicou. Por iso, o Bloque propón un plan de dinamización económica da comarca Celanova-Baixa Limia para reverter o seu declive e darlle futuro.

Un plan de dinamización con medidas concretas como apostar polo desenvolvemento do medio rural; con medidas que faciliten a creación de pequenas empresas; dotar das novas tecnoloxías a toda á comarca como factor básico de competitividade; crear un centro de transformación de produtos agrarios para xerar valor engadido ou apostar pola produción quilómetro cero tomando como base os mercados tradicionais, como o que se celebra cada xoves na propia Celanova.

Ana Pontón en Celanova 10.02.22 (1)
Ana Pontón, en Celanova, o xoves 10 de febreiro.

A líder do BNG inclúe como parte central dese plan de dinamización a recuperación e posta en valor do patrimonio monumental e cultural, -especialmente importante en Celanova que conta con nove BICs-.

“A rehabilitación dese patrimonio permitiría xerar emprego durante o propio proceso de rehabilitación dos bens artísticos e culturais e pasaría a ser un atractivo para visitar á vila e a comarca tirando do turismo e do sector servizos como a hostalería ou o comercio local. Esta comarca ten no seu patrimonio un valor de desenvolvemento económico e cultural”, explicou Pontón, tras o encontro co comité local e comarcal do que forman parte o portavoz municipal en Celanova, Leopoldo Rodríguez, ou o rexedor de Verea, José Antonio Pérez.

Un patrimonio arquitectónico que se complementa á perfección co patrimonio natural, pois a vila de ilustres como Curros e Celso Emilio é a porta de entrada ao Parque do Xurés, o maior parque natural de toda Galiza, “elemento central tamén para o impulso sustentable da economía da comarca”.

Ana Pontón en Celanova 10.02.22 (4)
Na biblioteca do Instituto Celso Emilio Ferreiro.

Enerxía eólica sustentable

Desenvolvemento sustentable foi tamén o argumento utilizado pola líder nacionalista para abordar un debate que se está a dar en todo o País: o boom eólico depredador que puxo en marcha o PP. A posición do BNG é moi clara: “Estamos ante unha transición ecolóxica, nunha crise ambiental, sabemos da importancia da biodiversidade e por iso a enerxía eólica ten cabida no noso País, pero que non se pode promover como fai Feixóo para beneficiar unicamente ás grandes eléctricas”, indicou.

Por contra, o Bloque considera que hai que frear ese bum eólico depredador e poñer condicións ao desenvolvemento da enerxía eólica, “facelo escoitando ás poboacións locais, medindo o impacto de cada parque no territorio e facelo garantindo que esa enerxía deixa un retorno alí onde se instala”, explicou, “porque non pode ser é que os galegos e as galegas estean pagando a estafa da luz mentres as eléctricas se forran”.

“O vento é unha riqueza do País, por iso os proxectos eólicos deben facerse con criterios de sustentabilidade ambiental, social e garantindo un retorno económico”, afondou, ademais de reclamar unha ampliación da rede natura que Feixóo ten paralizada precisamente para facilitar os intereses dun puñado de multinacionais.

Peonalización modelo Allariz

En relación ao debate arredor da peonalización en Celanova, Pontón explicou cal era o modelo do BNG, baseado na recuperación do espazo público para as persoas, pero tendo en conta que para que funcionen estes procesos hai que facelos ben, desde o rigor e desde o diálogo. A portavoz do Bloque puxo como exemplo o modelo de Allariz, “un modelo de peonalización con éxito porque hai que recuperar o espazo público pero escoitando o que ten que dicir a veciñanza e facelo de tan xeito que tamén consiga a dinamización social e económica. Recuperar o espazo público para as persoas é importante, pero hai que facelo ben”.

 

 

Ana Pontón en Celanova e Verea: promoción económica, coidados e medio ambiente