O BNG advirte que o novo caso de covid na Residencia esixe unha reacción inmediata da corporación
Un novo caso de contaxio por covid19 detectado hai cinco días entre as traballadoras da Residencia San Carlos de Celanova volve poñer de manifesto a precaria situación que atravesa o centro, algo que xa quedou en evidencia coa denuncia de familiares, hai apenas dúas semanas, de que se estaban a producir irregularidades na atención e continuaban as deficiencias materiais na Residencia.
Diante desta situación, e con motivo do pleno ordinario previsto para a semana que vén, o BNG de Celanova reitera a súa disposición a acordar co resto de grupos os termos dunha moción conxunta para facer efectivo o consenso acadado hai xa catro meses en canto a necesaria incorporación de responsábeis públicos municipais aos órganos de xestión da Residencia San Carlos xunto a imprescindíbel achega económica de 72.000 euros solicitada polo Padroado e rexistrada no Concello de Celanova desde o 11 de novembro.
Desafortunadamente, mais alá do caso de covid19 que pode espertar a alarma –a dirección da Residencia advirte que se trata dunha traballadora que estaba de baixa e non acudía o centro desde hai 13 días, polo que os protocolos se manteñen e non aumentou o risco de contaxio no centro–, na Residencia San Carlos segue sen haber reforzo material e humano para atender ás usuarias nuns momentos de novo críticos como advirten os números desta terceira onda da pandemia (47 casos a día de hoxe no termo municipal). O BNG considera que todos os grupos políticos da corporación teñen moito que dicir e moito que achegar para facer fronte esta situación e que aínda estamos a tempo, mais o tempo pasa e estase vendo que o ten custes de vidas e perda de saúde en sectores moi débiles.
O BNG presentou unha moción [ver no anexo] para 1) que o Alcalde se incorpore ao Padroado, dereito adquirido en favor da Alcaldía na doazón inicial de hai máis dun século, que asumiron todos os rexedores; 2) que o pleno acorde conceder a subvención de 72.000 € á Residencia, que é o impacto que os xestores do centro calcularon que tivo a covid19 nas contas de 2020; e 3) para que o pleno sinale á concelleira ou concelleiro que se incorporará ao órgano reitor da Residencia.
Como fixo en novembro, antes do último pleno, o BNG ofrece aos grupos concretar un apoio previo á sesión da semana que vén. As nacionalistas consideran que o camiño marcado en setembro para que o Concello de Celanova bote unha man na Residencia e asumido polo Padroado no escrito rexistrado o 11 de novembro en nada se viu alterado polas dúbidas manifestadas despois por responsábeis sobre o tempo que levarán os trámites estatutarios para dar entrada á representantes das familias e políticos.
O BNG lamenta que a estas alturas, 120 días despois de alcanzado un consenso unánime que permitiría cambiar a rumbo da xestión e asentar melloras na atención ás usuarias e usuarios da Residencia San Carlos, a falta de vontade política sega a impedir os avances precisos. O Alcalde está na obriga, ética e democrática, de cumprir un acordo no que el e todo o seu goberno se comprometeron diante da veciñanza.