O alcalde foxe da súa responsabilidade no Padroado da Residencia
”O alcalde de Celanova, que tardou menos de quince días en firmar como presidente da Fundación Curros Enríquez, leva ano e medio fuxindo da súa responsabilidade coas usuarias, as traballadoras e as familias da Residencia ao negarse a asumir o papel de membro nato do Padroado que lle corresponde á Alcaldía”, manifesta Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG en Celanova.
Dezaoito meses despois de coller o bastón de mando municipal e dez meses xa desde que a covid atacase a Residencia de Celanova, o alcalde aínda non concretou a súa incorporación ao Padroado da fundación que rexe o centro de maiores, do que a Alcaldía é membro nato desde hai máis dun século e polo que os sucesivos alcaldes cumpriron coa obriga de representar á institución.
O alcalde aínda non explicou publicamente as razóns da súa retiencia, que non se xustifica “en ningún caso, pero aínda menos nunha situación sanitaria como a actual na que os maiores son o albo do virus”, incide Leopoldo Rodríguez.
As nacionalistas reclaman que “o alcalde formalice inmediatamente” a súa participación no Padroado e impulse “de maneira definitiva” o acordo plenario de setembro, asumido polos actuais xestores da Residencia, para que a representación municipal se amplíe no órgano reitor do centro (e se dea entrada nese mesmo órgano ás familias) e que a corporación municipal tramite a concesión da axuda que solicitaron estes xestores (de 72.000 €). Neste sentido, o BNG volverá poñer sobre a mesa a moción que retirou antes do pleno de novembro despois de que tanto o goberno como o PP se desdixesen do seu compromiso de setembro.
Sen recursos e sen xestión, “os maiores non estarán atendidos como se debe” e iso agora “é responsabilidade de todos, empezando polo Concello e co alcalde á cabeza”
O BNG considera que “estes pasos son urxentes, como puxeron de novo de manifesto as denuncias sobre deficiencias e neglixencias das que esta mesma semana informaron as familias”, sinala o concelleiro nacionalista; denuncias sobre as que o BNG chama a atención da Xunta de Galiza e pídelle “explicacións sobre o que pensa facer” ao respecto. As familias, a través do colectivo REDE, alertaron entre outras cuestións de pacientes con contusións que non se xustificaron, mal atendidos, erros graves nas instalacións eléctricas ou material que se está a reutilizar contravindo os protocolos.
“Non é admisíbel que escoitando estas cousas, o alcalde siga mirando para outro lado, negándose a cumprir unha obriga institucional e negándose a prestar a axuda que agora máis que nunca precisan as usuarias, as traballadoras e as familias”, di Leopoldo Rodríguez. Sen recursos e sen xestión, “os maiores non estarán atendidos como se debe” e iso agora “é responsabilidade de todos, empezando polo Concello e co alcalde á cabeza”. O portavoz nacionalista pregúntase quen vai asumir a responsabilidade que non quere asumir o alcalde se se atreve a rachar cun deber da institución que ningún dos seus antecesores eludiu?
O BNG advirte que a situación da Residencia en canto a recursos de persoal e material nunca deixou de ser precaria, como tamén sinalaron as familias, e móstrase disposto a seguir botando unha man. “Sempre nós atoparán aí como estivemos facendo con tanto esforzo como o que máis durante todos estes meses”, conclúe o concelleiro nacionalista.