O BNG rexeita a "barra libre" do goberno PSOE-Podemos cos proxectos eólicos
1. O BNG OPONSE Á NOVA NORMATIVA. Desde o BNG, a través do noso deputado Néstor Rego, vimos de ratificar este martes no Congreso o noso rexeitamento rotundo a unha norma impulsada polo Goberno español de PSOE e Podemos que supón unha ameaza para o noso medio rural e que na práctica vai dar "barra libre" ás empresas eléctricas para os seus proxectos de parques eólicos.
Galiza xa produce hoxe, en 2023, máis enerxía de fontes renovábeis da que consome. Temos máis de 4.000 Mw de potencia instalada e arredor doutros 3.000 Mw xa aprobados. A pesar diso hai máis de 300 proxectos de parques eólicos en tramitación cunha afectación ambiental, patrimonial, social e económica moi negativa para o noso país. Pola contra Madrid -que consome enerxía producida na Galiza- ten 0 Mw de potencia instalada e 0 proxectos de parques en tramitación.
Néstor Rego, desde o Congreso, explicou con claridade que "de forma tramposa, desde un discurso de capitalismo verde, destrúese a mantenta o medio ambiente e o modo de vida de millares de persoas na Galiza, especialmente no sector primario, e cun deseño claramente colonial".
2. PSOE E PODEMOS DEBEN EXPLICAR POR QUE ACTÚAN ASÍ. Na súa intervención, da que achegamos enlace para poder ser vista e compartida, Néstor Rego criticou con dureza que o Goberno incluíse, dentro do Real Decreto Lei de axudas pola crise económica, dous artigos centrados na cuestión dos parques eólicos destinados a modificar o procedemento administrativo e a eliminar a necesidade de declaracións de impacto ambiental, a exposición pública e a posibilidade de presentar alegacións aos proxectos.
Dito doutra forma: premeditadamente PSOE e PODEMOS quixeron colar estes dous elementos referidos aos eólicos no medio dunha votación sobre medidas paliativas coas que podemos concordar en relación aos efectos da crise económica sobre a maioría social, e buscaron, deste xeito, condicionar claramente o debate e a votación.
Se esta modificación que afecta aos proxectos eólicos se tiver tramitado de maneira independente, sen afectar ao resto de medidas do Real Decreto Lei, tería recibido un contundente voto negativo do BNG. Mais PSOE e Podemos non tiveron a decencia de tramitala de forma independente para permitir un debate e votación exclusivamente sobre ela, non condicionado por outras medidas como as axudas pola crise.
"De forma tramposa, desde un discurso de capitalismo verde, destrúese a mantenta o medio ambiente e o modo de vida de millares de persoas na Galiza, especialmente no sector primario, e cun deseño claramente colonial" (Néstor Rego no Parlamento español)
3. O BNG VAI PRESENTAR UNHA PROPOSICIÓN DE LEI PARA RECUPERAR A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL NOS PROXECTOS DE PARQUES EÓLICOS
Por todo o anterior, o BNG vai impulsar unha Proposición de Lei específica sobre a norma para a autorización dos parques eólicos, co obxectivo de recuperar a necesidade da Declaración de Impacto Ambiental, da exposición pública dos proxectos e da posibilidade de presentar alegacións, para reverter a modificación impulsada por PSOE e PODEMOS, feita á medida dos intereses das grandes empresas do sector.
A maiores, convén lembrar que o BNG xa presentou no seu día emendas para eliminar unha mudanza similar recollida no RDL 6/22 do mes de abril, nese caso que afectaba só a parques de menos de 75 Mw. O BNG é a única forza política que presentou emendas neste sentido. Infelizmente a maioría de PSOE e Podemos (6 de 9) na Mesa do Congreso teñen desde entón bloqueda esta tramitación.