O BNG vota contra o orzamento da Bola no que a alcaldesa cobra tanto como a inversión prevista

a Bola. casa do concello NEGRO
Casa do Concello da Bola.
As nacionalistas volven levar o pleno as demandas da veciñanza de Cirós e Podentes. A alcaldesa dá largas e di que nalgúns casos xa falou cos veciños mais non é quen de explicar que acordou.
O BNG vota contra o orzamento da Bola no que a alcaldesa cobra tanto como a inversión prevista

As dúas representantes do BNG na corporación municipal da Bola votaron no pleno deste luns en contra da aprobación inicial do orzamento para o 2022. A portavoz nacionalista, Vanessa García, explicou que malia que so hai un cargo político a soldo do Concello (a alcaldesa), o gasto en retribucións, axudas de custo e de locomoción suporá 51.600 euros, mentres a previsión do esforzo en investimento para todo o ano é de 44.587 euros. 


A representante do BNG lembrou que a corporación vén aprobando en cada pleno, mediante decreto e coa maioría do PP, facturas de entre 200 e 400 euros por mes a favor da alcaldesa, que a maiores recibe un salario ao redor dos 40.000 euros. “Levamos anos, varios mandatos, pedindo que se nos informe da xustificación dos gastos desas facturas. E a alcaldesa aínda non mostrou ningunha xustificación”, lamenta a portavoz nacionalista. O BNG, que non tivo acceso aos orzamentos até a semana pasada, valorará a posibilidade de presentar emendas na fase de exposición pública que se abrirá nos próximos días


ASUNTOS ADIADOS EN PODENTES E CIRÓS
 

As veciñas e veciños de Podentes deberán seguir esperando polas medidas de calmado do tráfico no tramo da OU-300 que transcorre pola localidade. O BNG sacou adiante a moción para que o goberno local iniciase os trámites necesarios para que nese tramo se estableza unha limitación de velocidade para os vehículos de 30 km/h e se demande o peraltado e a reparación dos pasos de peóns. Despois dunhas aclaracións sobre as competencias nas vías, a alcaldesa deu largas: o grupo de goberno aceptou a proposta do BNG, pero ao único que se comprometeu foi a pedir unha solución á Xunta.


No caso das demandas de veciñas e veciños de Cirós, que en agosto pasado presentaron un escrito solicitando melloras na traída, no saneamento e na depuración, na iluminación e na recollida de lixo, a alcaldesa tamén deu largas. O BNG volveu insistir na problemática, pero a alcaldesa dixo que xa se tiña reunido con “algúns veciños” mais non hai constancia de tal reunión nin das solucións previstas. 


En Podentes e en Cirós a veciñanza segue esperando a que a alcaldesa decida intervir nos asuntos que se lle levan expoñendo desde hai meses. E a resposta é invariabelmente a mesma: máis adiante.

O BNG vota contra o orzamento da Bola no que a alcaldesa cobra tanto como a inversión prevista