Iago Tabarés pregunta no Parlamento polos novos cortes no subministro de auga potábel na Merca

Depósitos da rede de abastecemento da Merca
Depósitos da rede de abastecemento da Merca.
Catros anos despois de que o BNG propuxera ao cambio do punto de captación no Arnoia como posíbel solución técnica ao problema, o goberno local do PP fai súa agora esa medida.
Iago Tabarés pregunta no Parlamento polos novos cortes no subministro de auga potábel na Merca

“Ten constancia a Xunta de Galiza das condicións nas que se esta prestando o servizo de abastecemento de auga potable no concello de A Merca? Realizou a Xunta de Galiza algunha actuación de vixilancia sanitaria e de control de calidade da auga  de abastecemento domiciliaria no concello de A Merca?”, pregunta Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense, nunha iniciativa rexistrada o pasado xoves no Parlamento Galego.


Entre a primavera e o outono do ano pasado as veciñas e veciños da Merca sufriron cinco meses de cortes constantes e continuados no subministro de auga para consumo humano. Reproducíase o problema de 2017 e 2018, anos secos. Agora volve pasar. Este mesmo domingo, o Concello da Merca (PP) vén de informar de cortes en oito aldeas. José Manuel Garrido, o alcalde, xustifica a necesidade do corte no subministro de auga potable no “resultado das actuacións de vixilancia sanitaria e control da calidade da agua de consumo de abastecemento” que provocan a necesidade de proceder á limpeza dos depósitos e redes de condución de auga.


O BNG, a través do seu parlamentario por Ourense, advirte ao Goberno galego da falta de transparencia e información “das administracións local e autonómica”, e do “abuso do cobro dun servizo que non se presta”; ao que se une agora unha “nova interrupción do subministro que evidencia a falla de solución do problema e a incerteza sobre a calidade das augas”.


O deputado nacionalista, subliña a inxustiza do cobro de taxas e pide do Goberno galego un pronunciamento: “Considera a Xunta de Galiza que é exixible o pagamento de tributos polo uso e consumo de auga potable domiciliaria cando a cidadanía está privada deste servizo?”.


Catro anos despois, o alcalde asume a solución que propuxera o BNG

No ano 2017, despois da primeira crise no subministro de auga, o BNG da Merca propuxo tres cousas: un estudo técnico sobre a viabilidade para cambiar o punto de captación, que se dese información á veciñanza, e reducir a taxa municipal polo servizo de auga. 


“O PP achacou todo o problema á seca, e negouse a rebaixar a taxa. Iso tivérono claro desde o principio. Pasase o que pasase, eles non ían deixar de cobrar a taxa”, lembra a actual portavoz municipal do BNG da Merca, Teresa Garrido. “Cando o ano seguinte, en xuño do 2018, volveron aparecer os problemas, o PP sacou da manga o proxecto dun vaso de decantación”.


Agora, o alcalde vén de publicitar na prensa ourensá a solución do cambio de punto de captación. Sen facer, por suposto, alusión á demanda do BNG durante estes catro anos no que o subministro colapsou en diferentes momentos. O BNG da Merca espera que desta volta se poñan os medios necesarios e se facilite, tamén desde os organismos provinciais e de cunca, a solución técnica que xa avanzaron as nacionalistas hai catro anos.

Iago Tabarés pregunta no Parlamento polos novos cortes no subministro de auga potábel na Merca