PLENO DA MANCOMUNIDADE (II)
Pérez Cortés cobra da Mancomunidade (1.600 €) e do Concello de Quintela ("dietas")
O presidente da Mancomunidade Terra de Celanova cobra 1.600 euros de salario da entidade e ademais das "dietas" do Concello de Quintela de Leirado. Segundo o informe dun medio de comunicación sobre os salarios dos alcaldes da provincia, Pérez Cortes estaría cobrando mensualmente do Concello de Quintela axudas de custo por tres conceptos: asistencia ao concello, asistencia a comisións e asistencia a plenos. Os ingresos recibidos por Pérez Cortés das dúas "caixas" públicas están ao redor dos 3.000 euros mensuais.
"Cobro da Mancomunidade porque tamén me poden chamar ás seis da mañá", respondeu con evidente enfado José Antonio Pérez Cortés tras facer público o dato do que percibe mensualmente respondendo unha pregunta de Leopoldo Rodríguez (BNG), quen solicitou a cifra dado que "é imposíbel de atopar nos orzamentos" do organismo. A pregunta molestou á bancada popular.
Así, o segundo tenente de alcalde do PP na Merca, Taín Fernández, dirixiuse o representante nacionalista recriminándolle "falta de estilo", ao que Leopoldo Rodríguez respondeu que "cando se trata de cartos públicos, os cidadáns teñen dereito a saber que se fai con eses cartos". Mentres, Pablo Pérez, fillo do presidente da Mancomunidade, tenente alcalde en Quintela e colaborador de Baltar na Deputación, trataba de pechar o debate dirixíndose a seu pai: "Cobras porque traballas e xa está!".
O BNG contra "os orzamentos do clan Cortés", contra o oscurantismo e o abuso do público.
Non foi o único momento tenso no pleno de aprobación dos orzamentos da Mancomunidade, votación sobre a que o PP aplicou a súa maioría, mais tivo que escoitar as críticas (as únicas críticas, porque o resto de grupos calaron) por parte do Bloque Nacionalista Galego, que conta con tres representantes no pleno. Os tres votaron en contra das contas, como xa o fixera José Antonio Pérez Valado, alcalde nacionalista de Verea, na xuntanza previa o pleno.
O BNG argumentou a súa negativa na falta de transparencia, eficiencia e control do gasto, que se expresa singularmente no incumprimento reiterado por parte dos horarios, na insistencia en non consorciar o servizo de bombeiros como se fixo noutras comarcas, na toma de decisións unilaterais por parte da presidencia do PP sen consultar ao resto dos alcaldes ou na inestabilidade que crea nas contas dos concellos a xestión irregular. “Os alcaldes son meros pagadores, sen opción ningunha a participar das decisións e sen poder fiscalizar en que gasta vostede, señor presidente, os cartos que relixiosamente achegan os concellos, máis de 600.000 euros cada ano no caso de Celanova, por exemplo”, subliñou Leopoldo Rodríguez na defensa da posición do BNG.
Leopoldo Rodríguez denunciou que na Mancomunidade actúa “o clan Cortés co beneplácito do padriño Baltar, con opacidade e uso abusivo dos recursos públicos, baixo a sombra do nepotismo na selección de persoal, algo que non mudou, como non mudan os seus orzamentos, que son os orzamentos do clan, non os orzamentos das veciñas e veciños das terras de Celanova”.