O BNG consegue que o Concello de Celanova se poña a traballar na piscina climatizada
O escano cidadán impulsado polas nacionalistas comeza a funcionar de xeito informal e o BNG anima ao alcalde a que o manteña mentres se redacta a norma que lle dea amparo legal.
O pleno deixou tres boas novas para o traballo político que está a desenvolver o BNG en Celanova: a construción da piscina climatizada toma impulso, a voz da veciñanza escoitouse por vez primeira na palestra do escano cidadán e a corporación municipal súmase á da Merca na esixencia ao Sergas de que restitúa o servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova que atende as dúas comarcas (Baixa Limia e Terra de Celanova).
A piscina (por fin) en marcha: compromiso de todas as forzas
A corporación municipal de Celanova apoiou de forma unánime a moción do BNG para que o Concello comece de inmediato a traballar na construción da piscina climatizada e que no próximo orzamento municipal figure unha partida concreta a tal fin. Leopoldo Rodríguez, o concelleiro nacionalista, defendeu a iniciativa no pleno de onte para que se inicien os trámites precisos para responder a "unha demanda histórica da veciñanza", unha instalación que dea servizo a Celanova e á contorna e mellore a calidade de vida de diferentes grupos de poboación. O BNG conseguiu o compromiso tanto da coalición de goberno como do resto da oposición. Rodríguez lembra que a piscina cuberta foi unha instalación “sempre prometida e sempre defraudada”, pero que agora irá adiante porque o BNG “é decisivo para que se fagan as cousas” e pediu ao goberno municipal que cumpra e “demostre que as cousas cambiaron”.
O escano cidadán, aínda por formalizar, bota andar: a voz da cidadanía xa está no pleno
Por vez primeira as veciñas e veciños de Celanova dispoñen dunha palestra desde a que facer escoitar a súa voz no pleno. Aínda que non está desenvolvida a norma que lle dea amparo, no pleno de onte tivo lugar a primeira intervención dun veciño desde o escano cidadán. Foi para expresar o malestar da veciñanza da rúa Castor Elices polo estado das beirarrúas e o impacto do tráfico. O BNG, que impulsou a creación do escano cidadán no pleno de outubro, pide ao alcalde que siga utilizando a ferramenta mentres se redacta a norma e lembra que haberá outra ferramenta sobre participación, a retransmisión en directo dos plenos, acordada tamén por iniciativa das nacionalistas.
Celanova tamén acorda reclamar ao Sergas a reposición do servizo de radiodiagnóstico
O BNG sacou adiante unha moción para que o Concello de Celanova se comprometa a reclamar ao Sergas a restitución do servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova, que leva catro meses suspendido pola avaría na instalación. Celanova converteuse no segundo concello da comarca que aproba a iniciativa, despois de que fora acordada na Merca a través dunha moción do BNG. Ademais da Merca e Celanova, as nacionalistas presentaron mocións neste sentido nos concellos da Bola, Cartelle, Ramirás e Verea que se discutirán nos próximos días. O BNG sinalou que continuará apoiando a reclamación da veciñanza –recolléronse xa máis de 2.500 sinaturas que se rexistraron no Sergas- e estuda levar o caso ao Parlamento galego.
O erro do PSOE: vota co PP en contra dun consello municipal de Igualdade
A oposición do PP, sumada a das dúas concelleiras socialistas do PSOE que fan parte do goberno municipal xunto a Celanova Decide, fixo que non prosperase a moción presentada polo BNG para a constitución dun Consello de Igualdade. As representantes socialistas xustificaron o seu voto negativo na existencia dun organismo denominado Mesa de Igualdade, que é un foro creado pola Mancomunidade e que non funciona desde o ano 2016. O BNG apoia reactivar esa mesa, mais considera que non hai contradición nin solapamento entre este organismo e o Consello de Igualdade e por iso seguirá teimando para que o Concello de Celanova se dote dun órgano municipal de participación que considera necesario para desenvolver políticas públicas dirixidas ás mulleres.