O BNG de Celanova pon en evidencia que o alcalde nin le os informes nin sabe explicar o que fai nin recoñece erros

Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG, no pleno do 25 de xaneiro
Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG, no pleno do 25 de xaneiro.

PLENO EN CELANOVA 25 DE XANEIRO DE 2023

O BNG de Celanova pon en evidencia que o alcalde nin le os informes nin sabe explicar o que fai nin recoñece erros

É obriga do BNG transmitir á veciñanza de Celanova o resultado dos debates plenarios da corporación municipal xa que, malia termos aprobado un acordo para a retransmisión en directo das sesións en outubro de 2019, o Alcalde e os seus socios de goberno (PSOE) negáronse a cumprilo e non existe ningunha canle a través da cal se faga chegar a información do que se trata, nos termos que se trata e cales son as posturas dos grupos en relación a asuntos grandes e pequenos. A transparencia é un exercicio que non soporta este alcalde, mais é esencial para o bo funcionamento da institución. Por iso, desde o BNG, e a respecto do último pleno, poñemos en evidencia que o alcalde nin le os informes nin sabe explicar o que fai nin recoñece erros.

 

O ALCALDE NON RECOÑECE ERROS

 

No pleno ordinario de xaneiro celebrado o mércores 25, o alcalde admitiu que foi el mesmo quen autorizou a colocación dunha carpa sobre a estatua de Curros en Celanova sen ter ningún outro informe que o da Policía Local. Non se desculpou pola aldraxe ao patrimonio común. O mesmo é que non entende o que significa iso nin o que significa a figura de Curros.

 

INTERPELACIÓN DO BNG SOBRE A ALDRAXE A CURROS

BNG: Quen é o concelleiro ou concelleira responsábel de autorizar a colocación dunha carpa sobre a estatua de Curros situada nos Xardíns de Curros❓

Alcalde: É o alcalde.

 

BNG: No expediente que solicitamos o único informe que aparece é o da Policía Local. Considera que a Policía Local ten competencia para abordar cuestións que afectan directamente ao patrimonio❓

Alcalde: A Policía Local non aproba nin desaproba nada, a Policía Local emite un informe nos termos que vostede coñece, coas competencias da Policía Local. Eu resolvín cando tiña que resolver cos informes correspondentes.

 

BNG: Por que non fixo ningunha consulta ao organismo correspondente de Patrimonio ou solicitou a reunión da Comisión de Patrimonio❓

Alcalde: Porque era unha colocación provisional e non o considerei preciso.

 

O ALCALDE NON SABE EXPLICAR O QUE FAI

 

No pleno, o alcalde respondeu con evasivas ás cuestións sobre a compra da parcela da Horta do Cura. Parécennos ben que o patrimonio incremente a súa protección, e non estará en mellores mans que en mans públicas. Mais pedimos transparencia sobre a operación entre o alcalde e o Bispado. E o alcalde nin explicou os reparos que a Secretaría e a Intervención municipais puxeron sobre a operación nin como nin quen xestionou a operación diante do Bispado. O ton do alcalde evidencia o molesto que se sente tendo que facer calquera exercicio de transparencia. E mesmo algunha das súas respostas deixa dúbidas do uso que fai do seu cargo para obter entrevistas co Bispado nas que se trata "nada relacionado co Concello de Celanova". De que se trata entón? Asuntos particulares?

 

INTERPELACIÓN DO BNG SOBRE A HORTA DO CURA

BNG: Podería explicar brevemente en que consisten os reparos da Secretaría e da Intervención municipais á operación de compra da Horta do Cura❓

Alcalde: Non. Iso está no expediente e pódenllo explicar directamente tanto en Secretaria como en Intervención.

 

BNG: Vostede non pode explicalos❓

Alcalde: Xa lle respondín: os reparos ou o contido do expediente forma parte do expediente que está a súa disposición.

 

BNG: Por que se fixo a operación a pesar dos reparos❓

Alcalde: Porque foi unha decisión política adquirir ese inmóbel. Foi unha decisión política que tomou este grupo de goberno.

 

BNG: Cantas veces se entrevistou vostede co Bispado de Ourense para tratar esta operación❓

Alcalde: Unha vez.

 

BNG: Estivo vostede acompañado por algún empresario da vila❓

Alcalde: En nada relacionado co Concello de Celanova.

 

BNG: Sobre a Horta do Cura❓

Alcalde: Non.

 

O ALCALDE NIN SEQUERA LE OS INFORMES QUE PAGA O CONCELLO

 

Tampouco mostra o alcalde preocupación ningunha pola ameaza dunha instalación de macroeólicos no Monte da Neve que, ademais doutros impactos, esfarelaría a paisaxe de Celanova e da súa contorna durante, polo menos, 30 anos. O seu desinterese polo futuro da vila é notorio. Nin sabe nin se molesta en saber como van os trámites dese proxecto industrial nin do da liña de alta tensión que o acompaña. E nin sequera le os informes que o Concello de Celanova emite. Bótalle unha ollada, di. Tal desleixo é intolerábel.

 

INTERPELACIÓN DO BNG SOBRE O PROXECTO MACROEÓLICO NO MONTE DA NEVE

BNG: No pleno de novembro preguntámoslle se o Concello de Celanova fixera alegacións ao segundo proxecto de Bay Wa para o Monte da Neve (actualmente en información pública). Dixo que non sabía. Pois témoslle que dicir que non as fixo. Mais si fixo alegacións á Liña de Alta Tensión de Greenalia (tamén en información pública). Quen redactou ese documento❓

Alcalde: O técnico municipal... un dos técnicos municipais.

 

BNG: Canto pagou o Concello por ese documento❓

Alcalde: Míroo no expediente e dígollo, pero está a súa disposición.

 

BNG: Leuno vostede ou algún membro do goberno local❓

Alcalde: Dinlle unha ollada.

 

O BNG de Celanova pon en evidencia que o alcalde nin le os informes nin sabe explicar o que fai nin recoñece erros